Cultura e Educación e a Deputación de Pontevedra promoven unha xornada divulgativa sobre Julio Cortázar e Galicia

O secretario xeral de Cultura e a deputada de Cultura de Pontevedra participaron no acto de apertura da sesión, na que Francisco X. Fernández Naval afondou na estreita vinculación do escritor con Galicia e cos galegos

O Museo de Pontevedra acolleu a xornada, na que tamén se proxectou o audiovisual ‘Cortázar Galicia’

Mér, 28/01/2015 - 20:30
Cultura e Educación e a Deputación de Pontevedra promoven unha xornada divulgati
Cultura e Educación e a Deputación de Pontevedra promoven unha xornada divulgativa sobre Julio Cortázar e Galicia

A Xunta de Galicia, a través da Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria, e a Deputación Provincial de Pontevedra promoveron esta tarde unha xornada divulgativa sobre a estreita vinculación do escritor Julio Cortázar con Galicia e cos galegos.

Na apertura da actividade, que se enmarcou no ciclo ‘En Paralelo: Noites de literatura e cine 2015’ do Museo de Pontevedra, o secretario xeral de Cultura recordou que a relación do escritor con Galicia “comezou xa antes de coñecer a súa primeira muller, a galega Aurora Bernárdez, aínda que se intensifica da man dela”. Ao fío disto, puxo en valor a enorme axuda que Aurora Bernárdez lle prestou a Cortázar na súa época como escritor e destacou que “foi ela quen lles cedeu ás nosas institucións públicas e culturais o arquivo fotográfico e fílmico de Julio Cortázar, depositado no Centro Galego das Artes da Imaxe da Xunta de Galicia para a súa custodia e conservación”.

O encargado de afondar no universo galego do escritor foi poeta e narrador ourensán Francisco X. Fernández Naval, autor de ‘O soño galego de Julio Cortázar’, unha obra publicada por Edicións Linteo co apoio da Consellería na que se analiza a biografía do escritor a través da relacións persoais que foi establecendo con persoas de orixe galega e que foron claves na súa vida.

As viaxes de Cortázar a Galicia

O programa tamén incluíu a proxección do documental Cortázar Galicia, que foi presentado polo seu director, Juan de la Colina. As viaxes que realizou o escritor a Galicia nos anos cincuenta, xunto con Aurora Bernández, centran o audiovisual, que se apoia en documentación facilitada polo CGAI, pola Fundación Juan March e pola Fundación Luís Seoane. Como peche da xornada, o público asistente tivo ocasión de participar nun coloquio cos dous autores.

Co obxectivo de poñer en valor e difundir a profunda e ampla vinculación de Julio Cortázar cos galegos e con Galicia, a Consellería organizou tamén esta xornada no Museo de Belas Artes da Coruña o pasado mes de decembro, coincidindo co ano do centenario do escritor.

Menús News node R

Tema