A Consellería de Cultura e Educación e a Universidade de Vigo impulsan a formación audiovisual a través de Augal 2015

Coordinada polos profesores Anna Amorós e Miguel Anxo Fernández, a cuarta edición da Master Class do Audiovisual Galego desenvolverase no Campus de Pontevedra ao longo de sete xornadas entre o 3 de febreiro e o 21 de abril

Proxectaranse nove producións de distintos formatos coa asistencia dos seus creadores ou protagonistas e incorpórase como clausura a nova sección ‘Foro Augal’

Augal 2015 acollerá a fita inédita en España ‘Se essa vila não fosse minha’, do brasileiro de orixe galega Felipe Pena

Mar, 27/01/2015 - 16:03
A Consellería de Cultura e Educación e a Universidade de Vigo impulsan a formaci
A Consellería de Cultura e Educación e a Universidade de Vigo impulsan a formación audiovisual a través de Augal 2015

A Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria e a Universidade de Vigo colaboran na celebración da cuarta edición de Augal, a Master Class do Audiovisual Galego, que se desenvolverá na Facultade de Ciencias Sociais e da Comunicación do Campus A Xunqueira de Pontevedra entre os meses de febreiro e abril de 2015.

Con esta iniciativa, o departamento que dirixe Xesús Vázquez Abad impulsa a formación complementaria no ámbito audiovisual a través do achegamento á produción cinematográfica galega actual da man dos seus protagonistas. Levada a cabo en virtude dun convenio asinado coa Universidade de Vigo, Augal responde ademais á demanda do propio sector de contribuír á visibilidade dos seus produtos e achegarlle os seus creadores ao público. As sesións están destinadas con prioridade aos alumnos de Comunicación Audiovisual, pero ábrense tamén á sociedade en xeral.

Baixo a coordinación dos profesores Anna Amorós e Miguel Anxo Fernández, Augal 2015 constará de sete sesións, que comezarán o próximo martes día 3 cunha xornada centrada no documental ‘A viaxe de Leslie’, de Marcos Nine, á que asistirán o propio director e os coguionistas Daniela Arias-Andreu e Pepe Coira.

Encontro de webseries

Compoñen a relación de proxeccións un total de nove títulos de diferentes formatos de ficción e non-ficción, entre os que se atopan os tres do encontro dedicado monograficamente a webseries. Ao longo do curso participarán presencialmente 17 profesionais do sector, tales como Alfonso Zarauza, Ángel Santos, Daniel Froiz, David Valero ou Sergio Frade.

A presentación detallada dos contidos desta nova Master Class do Audiovisual Galego tivo lugar nun acto celebrado este mediodía en Pontevedra, que foi presidido pola decana da Facultade de Ciencias Sociais e da Comunicación da Universidade de Vigo, Emma Torres, e no que interviñeron o director da Axencia Galega das Industrias Culturais (Agadic) da Consellería de Cultura e Educación, Jacobo Sutil; o decano de Ciencias Sociais, Juan Manuel Corbacho, e mais os mestres coordinadores de curso.

O director da Agadic referiuse ao apoio a Augal por tratarse dunha “actividade interesante, necesaria e complementaria do conxunto de iniciativas da Xunta de Galicia a prol do avance do audiovisual do país”. Fixo fincapé tamén no atractivo do programa profesional e artístico da actual edición, que gaña en variedade de xéneros abordados respecto a convocatorias precedentes.

Destacou, así mesmo, a circunstancia de que algunhas das fitas escollidas sexan estreas absolutas en Pontevedra e sinalou como datas importantes do calendario o 19 de marzo, día no que o documentalista brasileiro de orixe galega Felipe Pena presentará a súa fita inédita en España ‘Se essa vila não fosse minha’, sobre o outro Brasil alleo ao pasado Mundial de Fútbol; e o 21 de abril, cando terá lugar a xornada de clausura a cargo do actor Antonio Mourelos, en calidade de presidente da Academia Galega do Audiovisual, coa conferencia titulada ‘O sector audiovisual en Galicia. O que somos’. Esta conferencia-coloquio inaugurará a nova sección Foro Augal, un formato participativo ao que a organización pretende dar maior presenza en edicións posteriores.

Nove títulos

Despois da primeira cita o vindeiro martes con ‘A viaxe de Leslie’, Augal 2015 continuará o 24 de febreiro con ‘A noite de deixou de chover’ e ‘Encallados’, o 3 de marzo con ‘Las altas presiones’, o 10 de marzo coas webseries ‘Interfecto’, ‘Poetarras’ e ‘Clases de lo social’, o 19 de marzo con ‘Se essa vila não fosse minha’ e o 14 de abril con ‘Los increíbles‘. Todas as sesións terán lugar entre as 16:00 e as 20:30 horas na Facultade de Ciencias Sociais e da Comunicación de Pontevedra.

A inscrición, que é gratuíta, pode facerse a partir de mañá día 28 a través dos webs www.agadic.info e www.csc.uvigo.es. Os alumnos e alumnas participantes recibirán un diploma de asistencia outorgado pola Agadic.

Menús News node R

Tema