Cultura e Educación colabora co II Certame de Escultura Francisco Asorey, que promove a creatividade dos artistas

O conselleiro Xesús Vázquez Abad salientou o compromiso da Consellería que dirixe cos artistas e animounos a participar nesta cita

O evento está promovido pola asociación cultural ‘Francisco Asorey’ e, ademais da Xunta, conta co apoio da Deputación de Pontevedra e do Concello de Cambados

Lun, 26/01/2015 - 18:13
O conselleiro de Cultura na presentación do certame
O conselleiro de Cultura na presentación do certame

A Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria prestará apoio ao II Certame de Escultura Francisco Asorey, que convoca a asociación cultural que leva o nome deste insigne artista cambadés e que ten como finalidade potenciar a creatividade dos artistas novos. Na presentación desta segunda edición, o titular de Cultura e Educación, Xesús Vázquez Abad, loou o labor da asociación cultural ‘Francisco Asorey’ por manter vivo o seu legado artístico e por actuar como dinamizador do talento e a creatividade de novos artistas. Segundo dixo, o seu departamento non pode quedar á marxe desta iniciativa, da que salientou tamén o pulo que recibe tanto por parte da Deputación de Pontevedra coma do Concello de Cambados.

Ademais do conselleiro de Cultura e Educación, no acto tamén estiveron a presidenta da asociación e neta do artista, María del Carmen Asorey Abelleira; o seu presidente de honra e fillo do escultor, José Manuel Asorey Ferreiro; o alcalde de Cambados, Luis Aragunde; a deputada provincial de cultura de Pontevedra, Ana Isabel Vázquez Reboredo; e o secretario xeral de Cultura, Anxo Lorenzo.

Bases do concurso

No certame, promovido pola asociación cultural Francisco Asorey, poderá participar calquera persoa independentemente da súa idade (xa que na convocatoria anterior estaba limitado a un máximo de 30 anos), cunha única obra escultórica de tema libre, orixinal e inédita, é dicir, que non fora presentada a ningún outro certame, mostra, exposición ou exhibición pública de ningún tipo.

Os interesados, que poden consultarse as bases no enderezo electrónico www.franciscoasorey.es , deberán formalizar unha inscrición previa nun prazo que comeza hoxe e remata o 10 de xuño deste ano.

Un xurado integrado por personalidades relevantes do mundo artístico e cultural será o encargado de escoller os gañadores. O premio do certame está dotado con 5.000 euros e, ademais, concederanse dous accésits de 1.000 euros.

Menús News node R

Tema