Cultura e Educación e a Deputación de Pontevedra convidan a cidadanía a se achegar ao universo galego de Julio Cortázar

A nova sesión do ciclo de literatura e cine En Paralelo afonda na relación do escritor arxentino con Galicia e cos galegos

A xornada, que terá lugar o 28 de xaneiro no Museo de Pontevedra, contará cun relatorio de Francisco X. Fernández Naval, autor do libro ‘O soño galego de JulioCortázar’, e coa proxección do audiovisual ‘Cortázar Galicia’, baseado nas viaxes que o escritor e Aurora Bernárdez realizaron a Galicia

Dom, 25/01/2015 - 15:35
Cultura e Educación e a Deputación de Pontevedra
Cultura e Educación e a Deputación de Pontevedra convidan a cidadanía a se achegar ao universo galego de Julio Cortázar

O universo galego de Julio Cortázar centrará a nova sesión do ciclo ‘En Paralelo: Noites de literatura e cine 2015’, que terá lugar o vindeiro mércores 28 de xaneiro no Sexto Edificio do Museo de Pontevedra, ás 20 horas, nunha xornada promovida pola Consellería de Cultura, Educación e Ordenación e a Deputación Provincial de Pontevedra. Nela afondarase na estreita vinculación de Cortázar con Galicia e cos galegos a través do relatorio que ofrecerá o escritor ourensán Francisco X. Fernández Naval, así como da proxección do audiovisual ‘Cortázar Galicia’, dirixido por Juan de la Colina.

O poeta e narrador Francisco X. Fernández Naval (Ourense, 1956), autor do libro ‘O soño galego de Julio Cortázar’, será o encargado de achegarlle ao público a relación do con Galicia e cos galegos dun dos escritores hispanoamericanos máis relevantes da literatura de todos os tempos. O título da obra, editada por Linteo co apoio da Consellería, fai referencia ao desexo que manifestara o escritor nunha carta que lle escribira ao pintor Eduardo Jonquiéres de vir con Aurora Bernárdez, a súa primeira muller, a Redondela e pasar un tempo pescando, paseando e herborizando como Russeau. Ese soño serviulle de pretexto a Fernández Naval para realizar unha achega en profundidade á vinculación do escritor arxentino con Galicia.

As viaxes de Cortázara Galicia

As dúas viaxes que realizou Cortázar a Galicia nos anos cincuenta, xunto coa súa primeira muller, Aurora Bernández, centran o audiovisual ‘CortázarGalicia’, dirixido por Juan de la Colina. As cartas e outros textos sobre estas viaxes que Julio Cortázar fixo a Galicia son a base desta peza documental, que percorre os lugares das viaxes a través dun xogo de interpretación libre e poética entre pasado e presente. Para iso, apóiase en documentación facilitada polo Centro Galego de Artes da Imaxe (CGAI) —depositario dos fondos fotográficos e fílmicos de JulioCortázar—, a Fundación Juan March e a Fundación Luís Seoane.

Logo do relatorio de Fernández Naval e da proxección do audiovisual dirixido por Juan de la Colina, o público asistente terá ocasión de participar nun coloquio cos dous autores.

Unha vinculación permanente e azarosa

JulioCortázar (Bruxelas, 1914-París, 1984) mantivo con Galicia unha vinculación permanente a través do círculo de persoas que azarosamente foi introducindo no seu percorrido vital. Os encontros con exilados galeguistas na Arxentina, como Luís Seoane, Arturo Cuadrado, Lorenzo Varela ou Rafael Dieste, propiciarán as súas primeiras publicacións nas revistas ‘Cabalgata’ e ‘El Correo Literario’.

Produciríase despois a providencial aparición de Paco Porrúa, que se convertería no seu editor e amigo. Pero sería o seu matrimonio con Aurora Bernárdez, filla de emigrantes galegos, o que o introduciría nun maior coñecemento da nosa cultura e con quen coñecería o propio país, nas dúas viaxes que realizarían xuntos nos anos 1956 e 1957. A súa estreita relación co artista Leopoldo Novoa, xa nos anos setenta en París, pecharía este círculo no que a nosa terra se sitúa como unha constante presenza no universo do escritor.