O DOG publica a declaración de Ben de Interese Cultural da Fábrica de Cerámica de Sagardelos ligada ao Laboratorio de Formas, en Cervo

A declaración de BIC, coa categoría de monumento, ten como obxectivos protexer, conservar e poñer en valor este proxecto singular e pioneiro da creación artística e do rexurdir cultural de Galicia impulsado por Isaac Díaz Pardo e Luís Seoane

Xov, 22/01/2015 - 13:25

O Diario Oficial de Galicia publica hoxe a Declaración de Ben de Interese Cultural (BIC), coa categoría de monumento, a Fábrica de Cerámica de Sargadelos ligada ao Laboratorio de Formas, no municipio lucense de Cervo, tal como establece o Decreto 171/2014, do 26 de decembro, aprobado polo Consello da Xunta. Deste xeito, a Xunta de Galicia, a través da Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria, contribúe a protexer e conservar este singular proxecto industrial, cultural e de identidade galega ideado por Isaac Díaz Pardo e Luís Seoane.

A declaración como BIC contribúe, así mesmo, a poñer en valor e distinguir un conxunto industrial cunha gran significación arquitectónica, artística, científica, técnica e cultural único en Galicia, ao tempo que favorecea súa conservación a través da máxima protección legal.

O Consello da Xunta aprobou o pasado mes de decembro o decreto, logo de que a delimitación do monumento e do seu ámbito de protección fosen sometidos a exposición pública, e unha vez oídas as recomendacións da Real Academia Galega de Belas Artes da Nosa Señora do Rosario e do Consello da Cultura Galega, así como atendidas as alegacións referidas ao contorno de protección.

Singularidade arquitectónica do conxunto

A delimitación do complexo que establece a declaración como BIC inclúe o edificio circular de Andrés Fernandez-Albalat, o primeiro do complexo e cuxas obras se iniciaron en 1968; a vivenda de Isaac Díaz Pardo, un pequeno edificio no que o artista utiliza para o seu deseño unha linguaxe tradicional con incorporacións de elementos de modernidade; o Auditorio e Departamento de Arte e Comunicación, a Escola de Tecnoloxía e Laboratorios, a marquesiña ondulada de formigón do aparcamento, torres e pasarelas metálicas que comunican os edificios, o zócolo de pedra da ampliación da fábrica cos seus murais e esculturas de Díaz Castro, o depósito de auga-miradoiro, o edificio de tratamento de minerais, dous fornos experimentais e a Pía do Xunco co mosaico de Luís Seoane. Todos eles, a excepción do edificio circular, foron concibidos e deseñados por Isaac Díaz Pardo.

Así mesmo,a declaración BIC inclúe unha serie de pertenzas, accesorios e bens mobles e documentais vinculados especialmente ao conxunto que quedan tamén baixo protección, como os mosaicos de Luís Seoane no comedor do edificio circular, a escultura de tres caras de Díaz Pardo incrustada no muro da planta baixa da praza circular, a Táboa dos Irmandiños de Seoane –seriede portas de madeira con debuxos inspirados no mundo celta–, os mobles deseñados por Díaz Pardo para o devandito edificio, e o sistema de sinalización, obra de Isaac Díaz Pardo, que abrangue tanto sinais direccionais ou identificativos de zonas ou actividades, como pictogramas dos aseos ou carteis didácticos dirixidos ao persoal.

Un proxecto emblemático e pioneiro

O conxunto de Sargadelos nace da vontade de Díaz Pardo e Seoane de crear un lugar emblemático e pioneiro da creación artística e do rexurdir cultural de Galicia, preto do que foi o antigo complexo das fábricas de siderurxia e cerámica dos séculos XVIII e XIX de Sargadelos creado por Antonio Raimundo Ibáñez cuxo pensamento ilustrado inspirou a Díaz Pardo. O conxunto de  edificios construído entre 1968 e a década dos anos setenta do século XX, sitúase  no lugar chamado O Rato, na parroquia de Sargadelos no concello lugués de Cervo.

A Fábrica de Cerámica de Sargadelos é un exemplo singular e único de industria na que o proceso de produción era parte dun ambicioso proxecto de rexeneración cultural e social de Galicia, no que o Laboratorio de Formas e as actividades culturais e de investigación derivadas del e da fábrica, conformaron unha realidade sobranceira da vangarda galega.

Menús News node R

Tema