Xesús Vázquez Abad inaugura a mostra de Víctor López-Rúa, que acolle o Museo Fundación Eugenio Granell

O conselleiro de Cultura e Educación salientou “a profundidade e a humanidade” que se pode observar na obra deste autor, que permanecerá aberta ao público ata o mes de abril

Xov, 15/01/2015 - 20:45
 Xesús Vázquez Abad inaugura a mostra de Víctor López-Rúa, que acolle o Museo Fu
Xesús Vázquez Abad inaugura a mostra de Víctor López-Rúa, que acolle o Museo Fundación Eugenio Granell

O conselleiro de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria, Xesús Vázquez Abad, inaugurou hoxe o mostra ‘La inquietante belleza’, de Víctor López-Rúa, que poderá contemplarse no Museo Fundación Eugenio Granell ata o vindeiro mes de abril. Ao acto tamén asistiu o secretario xeral de Cultura, Anxo Lorenzo.

Tras un percorrido pola mostra, Xesús Vázquez Abad, destacou a “construción coidadísima” dos traballos que se expoñen así como a “profundidade e humanidade” de López-Rúa. “De Víctor López Rúa –dixo o conselleiro- podemos tomar ese pulo descubridor, esa vitalidade intensa”, e asegurou que algunhas das escenas dos seus cadros “parecen introducirnos no propio proceso dun soño”.

Vázquez Abad expresou o seu recoñecemento ás persoas encargadas desta mostra, así como ao propio autor “que constrúe Galicia e constrúe futuro con este talento do que está dotado, froito do traballo e da fe nas súas propias capacidades para a creación plástica”. Tamén destacou que sexa precisamente o Museo Fundación Eugenio Granell o marco escollido dado “o seu profundo significado para a integración de Galicia na arte universal contemporánea”.

Nado na Coruña, López-Rúa é un artista que destaca sobre todo pola renovación conceptual, temática e compositiva da linguaxe da pintura na súa obra. A exposición complétase cun catálogo con texto de Luis Alberto de Cuenca e de José María Parreño, e ilustrado con fotografías de Rosa Muñoz.