A Consellería de Cultura e Educación presenta no CGAC un novo ciclo cinematográfico sobre o ascenso e caída do Novo Hollywood

Durante tres meses o público poderá achegarse os xoves e os venres ao CGAC para desfrutar gratuitamente dunha selección de películas da época en versión orixinal subtitulada

Mér, 14/01/2015 - 13:20
A Consellería de Cultura e Educación presenta no CGAC un novo ciclo cinematográf
Mean Streets (Martin Scorsese)

A Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria inaugura esta semana  a segunda edición do ‘Ciclo de cinema no CGAC´, que durará do 15 de xaneiro ao 27 de marzo, e que estará dedicada ao brillante inicio e á desaparición do chamado Novo Hollywood. O ciclo, de entrada gratuíta, proxectarase en versión orixinal subtitulada en castelán. Entre as 22 películas seleccionadas atópanse filmes como Fat City de John Huston, Sisters de Brian de Palma, Fedora de Billy Wilder e Heaven’s Gate de Michael Cimino, que poderán visionarse os xoves e os venres ás 20.30 h no auditorio do CGAC.

O ciclo, titulado “Cando Tiburón devorou o cinema: Ascenso e caída do novo Hollywood”,  e dirixido polo crítico José Luis Losa, reúne películas deste breve período que abrangue a década dos setenta e os primeiros anos oitenta, momento no que o panorama político, social e cinematográfico americano cambia significativamente a súa tendencia.

Dentro do ciclo haberá varias sesións especiais. O venres 13 de febreiro, coincidindo co black nigth teremos sesión dobre de cinema con temática de terror. O xoves 19, ademais da proxección correspondente, convidamos  ao crítico e escritor Carlos Losilla para reflexionar sobre o cinema da época. E o venres 20, haberá outra oportunidade para asistir a unha dobre sesión cinematográfica.

Un movemento de protesta contra o sistema

A finais dos anos sesenta un grupo de cineastas como Francis Ford Coppola, Martin Scorsese e Denis Hopper imbuídos no espírito contracultural do maio do 68, conseguen chegar ao grande público desde os máis importantes estudos cinematográficos. Influídos polo neorrealismo italiano e a Nouvelle vague abordan sen tapuxos temas até entón tabú como a violencia explícita, a sexualidade, os problemas sociais... Cuestionan piares sagrados como o Estado e a familia e evocan movementos protesta contra o sistema acompañando, moitas veces as súas películas, con bandas sonoras de músicos afíns a estes ideais como Bob Dylan, Simon e Garfunkel, The Doors e os Rolling Stones.

Como reflexo da inseguridade e do descrédito no sistema que provocou a Guerra do Vietnam e o caso Watergate, o Novo Hollywood revisa xéneros clásicos americanos como o western con autores como Sam Peckimpah, John Carpenter no thriller, ou Woody Allen na comedia. Os cineastas abandonan os platós para rodar en exteriores cun estilo case documental. Aspiran a mostrar unha visión realista dos individuos, dos seus problemas e dos seus contextos. Os protagonistas dos filmes deixan de ser heroes e comezan ser homes e mulleres cuxas historias terminan en fracaso vencidos polo sistema. Son interpretados por actores como Robert de Niro, Jack Nicholson ou Dustin Hoffman que se afastan do glamour dos seus predecesores e dos canons estéticos das antigas estrelas.

Declive e reorientación

A principios dos oitenta, tras o final da guerra do Vietnam e do triunfo de Reagan sobre Carter, o poder e o propio público de masas demandan películas lixeiras con final feliz.

Os fracasos comerciais e a megalomanía dos realizadores do Novo Hollywood abócaos ao declive e os estudos reorientan de xeito radical o seu modo de producir. A aparición de Steven Spielberg e George Lucas, que sentan as bases do blockbuster desterra definitivamente ao escéptico e crítico Novo Hollywood.

Menús News node R

Tema