O conselleiro de Cultura e Educación salienta a importancia da música de María do Ceo na difusión da tradición e cultura da provincia de Ourense
Xesús Vázquez Abad participou esta tarde na presentación do novo disco da cantante, 'Soños cumpridos'
O conselleiro de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria, Xesús Vázquez Abad, participou esta tarde na presentación do novo libro-disco da fadista María do Ceo, ‘Soños cumpridos’, nun acto celebrado no Liceo de Ourense. Durante a súa intervención o conselleiro salientou a importancia da música deste intérprete na difusión da tradición e cultura da provincia de Ourense, así como dos seus escritores e poetas. “Realmente, este álbum tan fermoso de María do Ceo representa, sobre todo, o manifesto musical da nosa ourensanía; esa expresión de ourensanía que ten o seu alicerce na apaixonante historia da nosa memoria colectiva”, dixo.
Así mesmo, Vázquez Abad quixo agradecer o mecenado de todas as persoas que contribuíron á produción musical deste novo traballo. Non en balde, o libro-disco foi producido a través de ‘crowdfunding’ - micromecenado-, grazas ás achegas dun cento de persoas.
‘Soños Cumpridos’ é o undécimo traballo da cantante de fados María do Ceo, formado por composicións propias coas que pon música a textos de Eduardo Blanco Amor e Armando González. O álbum está formado por 9 pezas en galego e 5 en castelán, baixo a forma de fados, boleros, baladas e un pasodobre.