A Consellería de Cultura e Educación lembra a Valle-Inclán no 79º aniversario do seu pasamento
O secretario xeral de Cultura participou hoxe no acto de homenaxe promovido pola Fundación Valle-Inclán no cemiterio compostelán de Boisaca
A Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria participou hoxe, representada polo secretario xeral de Cultura, Anxo Lorenzo, na homenaxe a Ramón María del Valle-Inclán con motivo do 79º aniversario do seu pasamento, que tivo lugar en Santiago de Compostela.
No acto, promovido pola fundación que leva o nome do escritor e que preside Xerardo Fernández Albor, Anxo Lorenzo destacou “a forza dunha obra inmensa, decisiva e revolucionaria na literatura contemporánea como a de Valle-Inclán”.
“Creo que aínda queda moito por descubrir deste inmenso talento galego”, dixo. Ao fío disto afirmou que “nas súas páxinas aparecen novas lecturas cada vez que as novas xeracións se achegan ao gozo do seu estilo, que cativa pola sonoridade e pola forza das imaxes, polos contrastes e pola perspectiva que utiliza, para que os personaxes amosen a súa característica vitalidades nos escenarios polos que van pasando”.
“En todo iso -asegurou- está a pegada dun home fillo desta terra, que se sentiu unido a ela e que impregnou cada páxina da súa produción co esencial do que nos identifica”.
A homenaxe, que consistiu nunha ofrenda floral que tivo lugar no cemiterio compostelán de Boisaca, contou coa asistencia de diversas autoridades.
O departamento que dirixe Xesús Vázquez Abad vén colaborando na difusión e na posta en valor da figura e da obra de Valle-Inclán a través do seu apoio a varias iniciativas culturais promovidas polos concellos de Vilanova de Arousa e da Pobra do Caramiñal, así como pola fundación e a asociación que levan o nome do escritor, do que se cumprirá en 2016 un século e medio do seu nacemento.