A Consellería de Cultura e Educación incorpora a familia profesional de agraria ao procedemento de acreditación da experiencia profesional, para o que convoca 8.840 prazas
A nova convocatoria ten como prazo de presentación de solicitudes do 8 de xaneiro ao 6 de febreiro, ambos incluídos, e incrementa o número de prazas nun 7,4%
O 2015 será o ano no que máis unidades de competencia se convoquen, un total de 192, un 15% máis ca no 2014
A Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria convoca para este ano 2015 un total de 8.840 prazas –un 7,4 % máis ca no 2014– para o novo proceso de avaliación, recoñecemento e acreditación de competencias profesionais a través da experiencia laboral ou de formación non formal, que se desenvolverá nos vindeiros meses nos Centros Integrados de Formación Profesional (CIFP) dependentes do departamento educativo da Xunta de Galicia.
Trátase da quinta convocatoria consecutiva de acreditación de competencias que realiza o departamento educativo da Xunta de Galicia e que, nesta ocasión inclúe o maior número de unidades de competencia contemplado ata o momento, un total de 192, un 15% ca no 2014, correspondentes a 27 ciclos formativos de 16 familias profesionais diferentes. Cómpre sinalar, ademais, como novidade a incorporación de unidades de competencia da familia profesional de Agraria á convocatoria de 2015. A devandita convocatoria, que vén de ser publicada no DOG de hoxe, pode ser consultada no link http://www.xunta.es/dog/Publicados/2015/20150102/AnuncioG0164-181214-0002_gl.html.
Resolución da convocatoria de 2014
Ao igual ca as persoas acreditadas o pasado ano, quen superen o proceso no ano 2014 terán a posibilidade de descargar de forma telemática e de balde os certificados, unha importante vantaxe xa que permite aos cidadáns imprimir cantas veces desexen o documento. A expedición das acreditacións faise mediante a aplicación informática de xestión do procedemento www.edu.xunta.gal/acreditacion. Os certificados están asinados dixitalmente polo que inclúen un conxunto de números e letras coñecido como Código de Verificación Electrónica (CVE), o que vai permitir comprobar automaticamente a sinatura electrónica e a integridade e autenticidade do documento. Ademais, cada copia que se imprima terá a validez dun orixinal, polo que non será precisa a compulsa en ningún trámite administrativo no que sexa requirida a súa presentación sendo necesario gardar este Código de Verificación Electrónica (CVE).
En total no proceso desenvolvido neste ano 2014 admitíronse 6.973 solicitudes de 1.727 persoas para acreditar algunha unidade de competencia dalgún módulo de ciclos de Formación Profesional. Tras o proceso de asesoramento e avaliación finalmente concedéronse 4.643 certificados a 1.388 persoas. Deste xeito, o 88,6% das persoas admitidas ao procedemento chegaron á fase de avaliación e o 91% das persoas avaliadas obtiveron o seu certificado e 1 ou máis unidades de competencia.
Máis de 39.000 prazas desde 2011
O procedemento de acreditación de competencias naceu para dar resposta á demanda manifesta de diferentes colectivos que necesitan acadar unha certificación oficial da súa cualificación para o desempeño das súas actividades profesionais ou acceder á mobilidade na súa profesión e precisan contar coa acreditación das súas competencias profesionais, o que resulta de especial importancia no contexto económico e coas actuais taxas de desemprego.
A Consellería de Cultura e Educación conta cunha ampla experiencia no procedemento de acreditación. De feito, desde a súa participación no proxecto ERA (Evaluación, Recoñecemento e Acreditación) no ano 2003, vén realizando diferentes convocatorias para a acreditación das competencias profesionais adquiridas pola experiencia laboral, incrementando progresivamente o número de prazas da convocatoria. En total, desde 2011, o departamento dirixido por Xesús Vázquez ten convocado - contando xa coas de 2015- un total de 39.185 prazas para o proceso de recoñecemento de competencias.