Cultura e Educación acolle no Museo do Mar de Galicia ‘Horizonte’, a nova exposición de Xaquín Chaves
A mostra, composta por 14 pezas de gran formato, poderá visitarse ata o vindeiro 1 de febreiro neste espazo museístico vigués
A Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria ofrece no Museo do Mar de Galicia unha nova proposta expositiva, ‘Horizonte’, do afamado artista vilagarcián, Xaquín Chaves. Trátase dunha selecta colección de 14 pinturas en gran formato que escolma as obras máis representativas alusivas ao mar e o marítimo da produción plástica de Chaves.
A directora do Museo do Mar de Galicia, Marta Lucio; o artista, Xaquín Chaves; e o crítico e comisario, Antonio Bermúdez, inauguraron na tarde de hoxe a mostra que permanecerá aberta na sala de exposicións temporais deste centro museístico autonómico até o vindeiro 1 de febreiro.
Chavés e o Mar de Arousa
A presenza do mar na linguaxe creativa de Xaquín Chaves é patente desde os anos 80 coas pinturas expresionistas e construtivas de dornas, gamelas ou bateas, e nos ‘objets trouvés’ realizados polo autor cos achados nas praias do Mar de Arousa.
Na súa traxectoria máis recente, Chaves mantense fiel ao seu estilo evocativo, pero non deixa de presentar novas modulacións que son a expresión de novas preocupacións formais, velaí o caso das súas recentes pinturas onde domina o negro. Obras que salientan un aspecto invariante na traxectoria do artista arousán: a evidencia de que a súa pintura excede os límites dimensionais do propio lenzo e conquista o espazo.
Trátase dunha pintura ao tempo introspectiva e extensiva, para a que os campos de exploración van desde o diálogo coa historia da Arte ao goce no emprego cromático e que, no profundo, nos lembra que o feito artístico é un problema de técnica, mais tamén de consciencia, e que sen ela a obra perdería calquera valor semiótico e capacidade de comunicar.