Cultura e Educación clausura esta semana o 'FalaRedes 2014' tras despregar por toda Galicia preto de 200 propostas de lecer en galego

O programa de fomento da nosa lingua despídese mañá en Barro co último pase do concerto-obradoiro infantil 'Brinca vai de aquí a acolá!'

Remata así unha exitosa terceira edición á que a Secretaría Xeral de Política Lingüística lle dará continuidade a partir do primeiro trimestre de 2015 cunha renovada programación que volverá chegar a todos os concellos da Rede de Dinamización Lingüística

Máis de 3.200 persoas gozaron dos fados en galego dos “Sons do vento que pasa”, que vén de pechar a súa xira por 36 localidades

Ven, 19/12/2014 - 13:49
Cultura e Educación clausura esta semana o 'FalaRedes 2014' tras despregar por t
Cultura e Educación clausura esta semana o 'FalaRedes 2014' tras despregar por toda Galicia preto de 200 propostas de lecer en galego

A Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria clausura mañá a terceira edición do programa de dinamización lingüística FalaRedes, que ao longo do ano despregou preto de 200 actividades de fomento do galego polos concellos da Rede de Dinamización Lingüística (RDL) da Xunta de Galicia. A exitosa iniciativa da Secretaría Xeral de Política Lingüística despídese na vila pontevedresa de Barro, que acolle o último pase do concerto-obradoiro infantil “Brinca vai de aquí a acolá!”.

Remata así unha terceira edición á que o departamento que dirixe Valentín García lle dará continuidade a partir do primeiro trimestre de 2015, cunha renovada programación que de novo chegará a todos os concellos da RDL.

Durante este ano, as seis actividades gratuítas do programa -o concerto Toc Toc, a obra de teatro “As fabas máxicas”, o concurso “Os Bolechas e o Sabichón”, a xincana Augalingua, o concerto “Os sons do vento” que pasa e o concerto-obradoiro “Brinca vai de aquí a acolá!”- fomentaron o uso e a valoración positiva da lingua propia de Galicia entre o público de todas as idades, nomeadamente entre a infancia e a mocidade, enchendo o seu tempo de lecer con propostas de calidade no noso idioma.

Último pase do Brinca vai de aquí a acolá!

A última cita co FalaRedes será mañá sábado en Barro, ás 12:00 horas no salón de actos da Biblioteca, onde o músico e actor Paco Nogueiras fará unha vez máis as delicias da xente miúda e as súas familias no derradeiro concerto-obradoiro dunha xira coa que desde novembro chegou a 26 concellos da Rede de Dinamización Lingüística.

Con esta sexta actividade coa que FalaRedes pecha a edición 2014, o programa de fomento do galego conquistou de novo a cativada, achegando o noso idioma aos nenos e nenas de xeito lúdico a través dun divertido espectáculo musical.

Máis de 3.000 asistentes en Os sons do vento que pasa

Xa destinado ao público de todas as idades, co concerto de fados Os sons do vento que pasa o FalaRedes permitiu achegarse por primeira vez á música tradicional portuguesa a través da lingua propia de Galicia. Esta innovadora proposta da compañía Elefante Elegante pechou a semana pasada unha xira da que gozaron máis de 3.200 persoas nas 36 vilas da RDL que visitou entre os meses de xuño e decembro.

Lecer en galego para a xente miúda

Completaron esta terceira edición do FalaRedes as aplaudidas propostas infantís Toc Toc, o concerto que entre marzo e abril chegou a 20 localidades; a obra de teatro “As fabas máxicas”, que entre abril e setembro visitou 28 concellos; a xincana Augalingua, que nos meses de verán refrescou o noso idioma en 20 vilas da RDL e o concurso “Os Bolechas e o Sabichón”, que de maio a setembro arrasou entre a cativada de 57 municipios da Rede de Dinamización Lingüística.

Máis información sobre FalaRedes 2014 no web institucional da Secretaría Xeral de Política Lingüística www.xunta.es/linguagalega/falaredes_2014 e nas redes sociais.

Menús News node R