A asociación Músicos ao Vivo entregou esta noite os II Premios Martín Códax da Música, que contan co apoio da Consellería de Cultura e Educación

O departamento que dirixe Xesús Vázquez Abad colaborou na edición 2014 destes galardóns no marco da súa liña de traballo a prol dunha maior visibilidade e proxección social do sector musical galego

Entre os premiados nas distintas categorías están Ataque Escampe, Cró, Cats and Monkeys, Sumrrá, Wöyza, Orquestra Vigo 430, Cuarteto Caramuxo, Davide Salvado, Nao ou aCadaCanto

O director da Agadic asistiu no Pazo da Cultura de Pontevedra á gala de entrega, que estivo conducida pola compañía de teatro Chévere

Mér, 17/12/2014 - 23:00
Grupo dos premiados
Grupo dos premiados

A asociación Músicos ao Vivo entregoulles esta noite en Pontevedra os II Premios Martín Códax da Música aos artistas, formacións e proxectos musicais galegos que resultaron recoñecidos nas 18 categorías previstas nestes galardóns, que contan para a súa convocatoria co apoio da Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria.

Á gala de entrega, que estivo conducida polo grupo Chévere, Premio Nacional de Teatro 2014, e que reuniu no Pazo da Cultura pontevedrés unha ampla representación do sector musical galego, asistiu tamén, en nome da Consellería, o director da Agadic (Axencia Galega das Industrias Culturais), Jacobo Sutil. Precisamente a través da Agadic, o departamento que dirixe Xesús Vázquez Abad colabora na organización deste evento, cofinanciado mediante un convenio asinado este ano con Músicos ao Vivo para o mantemento da liña de traballo conxunto no ámbito da promoción e potenciación da industria musical galega e cos obxectivos específicos de recoñecer a creación, a diversidade e a calidade artística das producións musicais galegas, así como de descubrir novos talentos e de achegar a música e o seu proceso de produción ao público.

Galardoados 2014

Os premiados nas diferentes modalidades interpretativas desta edición foron Ataque Escampe (Pop e indie), Cró (Rock), Cats and Monkeys (Blues, funk & soul), Sumrrá (Jazz e músicas improvisadas), Wöyza (Hip-hop e músicas urbanas), Orquestra Vigo 430 (Música clásica e contemporánea), Cuarteto Caramuxo (Folque), Davide Salvado (Música Tradicional Galega), ‘Dos fíos invisibles chegan as cores’ de Mónica de Nut e Virxilio da Silva (Músicas do mundo), aCadaCanto (Canción de autor), Pablo Díaz e a Banda Tic Tac Toc (Música infantil), Sub Rosa (Música electrónica), Nao (Metal), Zamaramandi (Reggae, ska & mestizaxe) e Los Satélites (Orquestras, grupos e música de verbena).

Os tres premios ‘Organistrum’ creados este ano para distinguir o labor a prol da difusión musical foron, na categoría de salas, para Aturuxo de Bueu; na de festivais, para o Festigal que se celebra cada ano en Santiago de Compostela; e na de medios de comunicación, para o programa da Radio Galega ‘Planeta Furancho’.

Ademais, recibiu o Premio Honorífico Músicos ao Vivo a banda compostelá de rock progresivo dos 70 N.H.U., recoñecida polos organizadores como “proxecto musical avanzado ao seu tempo, aglutinador dunha xeración de músicos inquedos, inconformistas e entregados a un proxecto minoritario, ‘underground’ e carente de referentes próximos”.

Os premios foron entregados por músicos como Abe Rábade, Mercedes Peón, Susana Seivane, Gloria Mosquera, Santi Cribeiro, Pablo Novoa, García MC ou Sonia Lebedinsky. Os triunfadores da noite fixéronse cunha das estatuíñas de madeira que o escultor e músico Víctor Lorenzo creou especialmente para o certame e que xa están bautizadas como Os melómanos.

Menús News node R

Tema