Cultura e Educación celebrará no Gaiás durante o mes de febreiro de 2015 ‘Escenas do cambio’, festival de teatro, danza e arte en acción
Baixo a dirección artística de Pablo Fidalgo, o festival contará do 4 ao 21 de febreiro de 2015 cunha vintena de espectáculos e conferencias, xunto con varios grupos de reflexión para profesionais do sector
Espectáculos de compañías galegas como Matarile; de recoñecidos artistas como os Premios Nacionais de Danza, Israel Galván e La Ribot; e creadores lusos como Cláudia Dias e latinoamericanos como Lola Arias ou Pablo Larraín dan corpo a un programa que ofrece novas linguaxes e esixe unha implicación total do público
A Cidade da Cultura lanza unha convocatoria para que cen persoas se convirtan nos protagonistas da obra ‘Atlas’, de Borralho & Galante, que abrirá o festival
A Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria celebrará o vindeiro mes de febreiro no Gaiás o festival ‘Escenas do cambio’, dedicado ao teatro, a danza e a arte en acción. Dezasete espectáculos, catro conferencias-performances e varios grupos de reflexión darán corpo a un programa integrado por compañías principalmente galegas, españolas, lusas e latinoamericanas.
‘Escenas do cambio. Festival de inverno de teatro, danza e arte en acción’ arrancará o 4 de febreiro de 2015 no Museo Centro Gaiás baixo a dirección artística do galego Pablo Fidalgo e coa implicación do público, a experimentación e novidosas linguaxes e formatos como señas de identidade. A política, o compromiso da arte, a realidade social ou a memoria individual, dos países e histórica serán algunhas das temáticas que ofrezan a vintena de actividades que integran o festival.
“Con Escenas do cambio, o Museo Centro Gaiás abre as súas portas á creación escénica contemporánea e déixase traspasar e ocupar pola intensidade dunha arte viva e emocionante”, aseverou María Pereira, directora de Acción Cultural da Cidade da Cultura, durante a presentación do festival, que tivo lugar esta mañá no Gaiás. Neste encontro cos medios, María Pereira estivo acompañada pola directora-xerente da Fundación Cidade da Cultura, Beatriz González Loroño; e o director artístico do festival, Pablo Fidalgo.
Fidalgo recoñeceu que este proxecto recolle os froitos do traballo iniciado en Compostela na década dos 90 que deron lugar a iniciativas fortes para a creación da escénica contemporánea en Galicia. “Agora queremos recoller todo ese traballo. Volver aglutinar creadores, facilitar o intercambio entre xeracións, dar voz a experiencias concretas e deixar facer aos que veñen”, asegurou Fidalgo.
‘Escenas do cambio’, ao igual que todas as actividades do programa cultural da Cidade da Cultura, conta co patrocinio privado da Fundación Gaiás, a quen Beatriz González Loroño lle amosou o seu agradecemento polo seu firme compromiso coa cultura e o apoio demostrado á institución que dirixe.
Creadores de referencia internacional
‘Escenas do cambio’ desenvolverase ao longo de tres semanas entre o 4 e o 21 de febreiro e devolverá a España creadores de referencia internacional como La Ribot, Premio Nacional de Danza 2000; Olga Mesa ou Olga de Soto. Ademais existirá un programa de conferencias, con persoas que impulsaron espazos de creación e festivais en Cataluña, Euskadi, Portugal e outros países do mundo. Como complemento, haberá unha importante presenza de creadores de América Latina, na tentativa de fortalecer unha relación histórica e un fluxo artístico desde Galicia cara a América e viceversa.
Escena contemporánea
‘Escenas do cambio’ arrancará o 4 febreiro con dúas creacións portuguesas: Cláudia Dias, unha das performers máis importantes da última década, e Ana Borralho e Joao Galante coa estrea de ‘Atlas’, obra protagonizada por cen persoas de Santiago de Compostela que traballará durante unha semana cos artistas e o seu equipo.
Precisamente, a Cidade da Cultura lanza unha convocatoria para buscar a esas cen persoas de Santiago de Compostela que queiran participar nesta obra e converterse nos seus actores. Presentada en países de todo o mundo nos últimos catro anos, en cada cidade logrou tecer un manifesto colectivo, dándolle voz á xente común, traballando con eles con paciencia, respecto e verdade ata conformar un Atlas da organización social humana. Os que queiran saber máis ao respecto poden mandar un mail a online@cidadedacultura.org.
Polos escenarios do Museo Centro Gaiás pasarán tamén compañías clave do teatro galego como Matarile coa peza íntima ‘Teatro invisible’ ou a primeira colaboración entre os tres mellores contadores do noso tempo: Celso F. Sanmartín, Quico Cadaval e Francisco Gutiérrez ‘Guti’. A música tamén terá cabida neste festival de artes en movemento cunha das nosas artistas máis carismáticas: Mónica de Nut que, acompañada de Virxilio da Silva, presentará o seu último disco: ‘Dos fíos invisibles chegan as cores’.
A primeira semana do festival completarase cunha reflexión sobre a democracia actual de Roger Bernat e tres pezas ao redor da danza: a estrea en España da obra ‘De repente fica tudo preto de gente’, do coreógafo brasileiro Marcelo Evelin; o documental escénico de Olga de Soto ‘La mesa verde’; e a última produción de La Ribot, en colaboración con Juan Domínguez e Juan Loriente: ‘El triunfo de la libertad’.
A segunda semana será a quenda de América Latina con catro compañías: La Re-Sentida (Chile), Hermanos Oligor/Microscopía (México), Pablo Larraín (Chile) e Lola Arias (Arxentina), coa que colaborarán os galegos Branca Novoneyra, Diego Anido, Iván Marcos e Uxía. Vaello. Todas elas están próximas a unha idea de teatro documental, onde se traballa a unión do teatro e a vida, e onde se deixa claro que na forma de relacionarnos co noso pasado está a posibilidade de construír un futuro.
‘Escenas do cambio’ rematará a fin de semana do 20 e 21 de febreiro con ‘La edad de oro’, unha peza capital para entender a evolución do flamenco a cargo de Israel Galván, Premio Nacional de Danza en 2005, coa asesoría artística de Pedro G. Romero e a compaña do cantaor El Niño de Elche. O broche final porao Tiago Rodrigues con ‘By heart’, unha performance onde dez espectadores terán que aprender un soneto de Shakespeare.
Conferencias e grupos de reflexión
De forma paralela ás funcións, ‘Escenas do cambio’ celebrará catro conferencias nas que se porán sobre a mesa novas formas de facer chegar a arte ao público. As charlas estarán a cargo da coreógrafa e artista asturiana Olga Mesa; Thomas Walgrave, director do Alkantara Festival; María Muñoz, directora artística de Mal Pelo e creadora de L’animal a l’esquena, un centro de investigación sobre a linguaxe artística contemporánea; e a coreógrafa Idoia Zabaleta, que explicará un percorrido vital que partindo de Azala, un espazo de creación situado no medio rural alavés, chega ata a Azalea, que é unha estrutura de produción experimental situada en calquera lugar.
Xunto a estas conferencias, o festival contará con grupos de reflexión dirixidos por grandes do noso teatro como Olga Mesa e Xesús Ron, que plantearán como obxectivo repensar a escena galega. Outro dos grupos estará dirixido por Cláudia Dias e Idoia Zabaleta, que traballarán con artistas novos galegos durante os primeiros catro días do festival.
Thomas Walgrave, pola súa banda, contará a súa experiencia no festival Alkántara, un dos máis importantes do continente. María Muñoz falaranos dun dos centros de residencias artísticas máis relevantes da península, L’animal a l’esquena e Olga Mesa, Olga de Soto ou La Ribot falarán da súa experiencia como artistas en países estranxeiros que acolleron e potenciaron as súas creacións. Xunto a outros programadores europeos, españois e galegos, o obxectivo é tratar de aprender de todos eses modelos de xestión.
Bonos para todas as funcións
As entradas para todas as funcións do festival sairán mañá á venda no Punto On da Cidade da Cultura e www.servinova.com a un prezo de 8 euros, excepto as obras ‘El triunfo de la libertad’ de La Ribot, ‘Mis Documentos’ de Lola Arias e a actuación musical de Mónica de Nut, que son de balde. Para estas tres últimas será preciso retirar invitación no Museo Centro Gaiás a partir do 3 de febreiro, cun máximo de dúas entradas por persoa.
Ademais, ata o 18 de xaneiro pode adquirirse nos mesmos puntos de venda un bono para todas as sesións por un prezo de 40€ (máis gastos de xestión no caso de mercarse en servinova).
‘Escenas do cambio’ ofrece tamén unha oferta 4x3 (asiste a catro funcións e paga tres) por 24€. Esta última opción só está dispoñible a través do teléfono de servinova 902 504 500.