Xesús Vázquez Abad asistíu á reapertura do Museo Galego da Marioneta na súa nova sede no Pazo de Liñares
O conselleiro destacou o feito de que o centro se estruture arredor dunha “colección única en Galicia” e que gozará dunha programación cultural estable
O Pazo de Liñares acolle actualmente ademais do Museo, outras institucións culturais e de salvagarda e divulgación do patrimonio dezán
O conselleiro de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria, Xesús Vázquez Abad, participou hoxe á tarde, conxuntamente coa ministra de Fomento, Ana Pastor, e o alcalde desta localidade pontevedresa, Xosé Crespo, no acto de reapertura do Museo Galego da Marioneta, unha institución cultural que suma arredor de 300 pezas, algunhas delas de carácter único e que datan do século XIX.
O titular de Cultura fixo fincapé tanto nas características da colección, “única en Galicia e chamada a ser unha das referencias deste xénero en España” no eido do teatro de fantoches, como no feito de que “se levará a cabo –en palabras de Vázquez Abad–actividades de formación e dinamización educativa a través dunha programación estable e para todos os públicos” por parte da compañía Viravolta Títeres. Unha entidade con máis de trinta anos de traxectoria que xestiona este espazo e se ocupará de amosar a súa colección de marionetas e fomentar o goce, investigación, estudio e recuperación da arte dos monicreques.
Neste excepcional Ben de Interese Cultural que é o pazo de Pazo de Liñares intégranse, ademais do devandito Museo Galego da Marioneta, o Centro de Xestión do Coñecemento Arqueolóxico, o Arquivo Histórico do Deza e unha sala dedicada a unha dos grandes persoeiros dezás, Joaquín Loriga.
Concluídas as intervencións institucionais, o acto de inauguración incluíu unha visita polas instalacións, para continuar cunha actuación da banda de música A Lira de Prado e pechar o programa de reapertura coa actuación do grupo El Topil-Teatro.