Cee acolle a mostra ‘Nimbos de luz’, que Cultura e Educación leva durante este ano a preto de vinte concellos para conmemorar as Letras Galegas

A exposición, que acollerá o IES Fernando Blanco ata o 14 deste mes, visitouna hoxe o secretario xeral de Política Lingüística
A mostra que homenaxea a Xosé María Díaz Castro rematará a súa itinerancia na Casa dos Poetas de Celanova o 31 de decembro
Mér, 10/12/2014 - 12:40
O secretario xeral de Política Lingüística, Valentín García, participou na inaug
O secretario xeral de Política Lingüística, Valentín García, participou na inauguración Nimbos de Luz

A mostra itinerante “Nimbos de Luz” -promovida pola Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria por medio das secretarías xerais de Política Lingüística e de Cultura- fai parada estes días no IES Fernando Blanco de Cee, onde foi visitada esta mañá polo responsable do primeiro dos departamentos, Valentín García, nun acto no que tamén participou a rexedora municipal, Zaira Rodríguez, e un dos tres comisarios do proxecto, Alfonso Blanco. Permanecerá aberta ao público ata o vindeiro 14 de decembro.

O concello coruñés acolle a mostra conmemorativa das Letras Galegas 2014 na recta final dunha itinerancia que a levou por dezasete localidades galegas durante este ano para homenaxear o autor guitiricense Xosé María Díaz Castro e que chegará ao seu fin na derradeira quincena de decembro na Casa dos Poetas de Celanova.

“Nimbos de Luz”, comisariada por Alfonso Blanco Torrado, por Luís González Tosar e por Armando Requeixo, achegoulle á cidadanía a traxectoria vital e profesional do poeta e tradutor de Guitiriz, Xosé María Díaz Castro por medio de 14 paneis temáticos que percorren a súa vida e a súa obra. O proxecto expositivo ofrece como complemento a proxección do documental “O instante eterno”, de Xosé Antón Cascudo, e mais con folletos ilustrativos que reflicten o contido da mostra.

Percorrido por toda Galicia

Logo do seu paso por Guitiriz, Vigo, Pontevedra, Cerceda, Santiago de Compostela, A Estrada, Redondela, Vilagarcía de Arousa, Mondoñedo, A Coruña, Lugo, Ourense, A Rúa, Lalín e A Laracha, a mostra pódese visitar ata o 14 de decembro no IES Fernando Blanco. No seu percorrido polas catro provincias galegas ao longo de 2014, que comezou en Guitiriz, terra natal do poeta, o pasado 19 de febreiro, coincidindo co centenario do seu nacemento, a exposición concluirá o seu periplo na derradeira quincena do ano na Casa dos Poetas de Celanova.

Con motivo da celebración das Letras Galegas 2014, a Xunta de Galicia promoveu un completo programa de actividades para contribuír a dar a coñecer entre a cidadanía a figura e a obra de Díaz Castro, así como para poñer en valor o seu legado literario. Esta exposición é unha das iniciativas centrais da programación, que tamén incluíu distintas edicións conmemorativas, estudos críticos, traducións e versións bilingües ao éuscaro, inglés e ruso, materiais audiovisuais, unha web monográfica, así como actividades de dinamización lingüística nos centros educativos e de promoción e difusión da obra de Díaz Castro nas bibliotecas de Galicia.