O conselleiro de Cultura e Educación salienta a oportunidade que o novo viveiro de empresa do CIFP Someso representa para a empregabilidade do alumnado do centro e dos emprendedores da zona

Vázquez Abad visitou hoxe este viveiro no que xa están empezando a traballar dous proxectos concretos

Os alumnos disporán durante dous anos dun espazo –totalmente de balde- para materializar a súa idea, para o que contan co asesoramento de profesorado e doutros emprendedores

A día de hoxe un total de 17 iniciativas deste tipo conforman a rede de viveiros en centros educativos de toda Galicia

O proxecto enmárcase no Plan ‘Eduemprende’, que ten como obxecto fomentar o espírito emprendedor dentro do sistema educativo

A Consellería leva investidos máis de 275.000 euros neste centro nos últimos cinco anos

O conselleiro tamén visitou as instalacións do IES Imaxe e Son, que colabora co CIFP Someso na elaboración dun vídeo divulgativo sobre o viveiro de empresa

Mar, 09/12/2014 - 12:04
O conselleiro de Cultura e Educación salienta a oportunidade que o novo viveiro
O conselleiro de Cultura e Educación salienta a oportunidade que o novo viveiro de empresa do CIFP Someso representa para a empregabilidade do alumnado do centro e dos emprendedores da zona

O conselleiro de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria, Xesús Vázquez Abad, visitou hoxe o viveiro de empresa do CIFP Someso, un dos 17 que compoñen a rede de viveiros en centros educativos en toda Galicia. Esta  iniciativa enmárcase no Plan ‘Eduemprende’, que ten por obxectivo fomentar o espírito emprendedor dentro dos niveis non universitarios do sistema educativo galego.

Trátase, segundo especificou o conselleiro Xesús Vázquez Abad, de “facilitar ao alumnado galego espazos, formación e asesoramento axeitados para a posta en marcha dun negocio ou de proxectos empresariais viables”. Pero sobre todo subliñou que este tipo de iniciativas teñen unha finalidade moi concreta como é a de “apostar polo emprego xuvenil e fomentar o espírito emprendedor, máxime nun contexto coma o actual, onde calquera acción neste sentido é moi necesaria, e case que obrigada”.

O conselleiro insistiu en que este tipo de iniciativas supón unha oportunidade para que os rapaces e rapazas que estudan FP, ensinanzas artísticas e deportivas e bacharelato “poidan darlle forma e facer realidade unha idea concreta” e que “experimenten de primeira man” todo tipo de retos e incidencias que xurdan neste tipo de procesos. 

Na súa visita, Xesús Vázquez Abad salientou o compromiso do seu departamento con este centro, tal como se reflicte nos máis de 275.000 euros que o seu departamento leva investidos en diversas actuacións nel durante os últimos cinco anos, incluídos os 15.000 euros de financiamento do viveiro de empresa. O CIFP Someso conta con máis de 1.300 alumnos e alumnas e no que se imparten ensinanzas de FP nas familias de Automoción, Madeira, Fabricación mecánica, Imaxe persoal e Edificación e obra civil, e de FP Básica.

Proxectos concretos

A través deste viveiro, por un período de dous anos os alumnos do centro poderán desenvolver –totalmente de balde- o seu proxecto de empresa, contando en todo momento co asesoramento de profesorado e doutros emprendedores. O viveiro pode ser utilizado polo alumnado do propio centro como por titulados en outros centros educativos que remataran os seus estudos en ensinanzas postobrigatorias nos últimos 4 anos.

Neste momento xa están en fase de asesoramento previo dous proxectos, un para crear unha empresa de xoguetes de madeira ecolóxicos e outro para crear casas prefabricadas de estrutura metálica. Ademais, estanse asesorando outros sete proxectos do alumnado do centro para a súa participación en concurso promovidos por outras institucións. Así mesmo, en colaboración co IES Imaxe e Son, están traballando na elaboración dun vídeo divulgativo para informar sobre o viveiro de empresas do CIFP Someso e as actividades que se poden realizar a través del.

Doutra banda, o centro conta cun proxecto de colaboración coa Fundación Ronsel, para a organización de actividades relacionadas co emprendemento no viveiro, dirixidas tanto a viveiristas como ao alumnado do propio centro.

Viveiros por provincias

O que agora se pon en marcha en Someso é o número 17 dos que conforman a rede de viveiros en centros educativos, cun total de 32 empresas aloxadas nos mesmos.

Así, na provincia da Coruña existen 6 viveiros, con 7 empresas en distintas fases e 1 empresa funcionando fóra do viveiro. Trátase do CIFP Ánxel Casal-Monte Alto e agora tamén no CIFP Someso (ambos na cidade da Coruña); 1 no CIFP Politécnico de Santiago; e 2 en Ferrol (un deles no CIFP Rodolfo Ucha Piñeiro e outro no CIFP Ferroltera); e 1 no IES de Fene.

Na provincia de Lugo existen 3 viveiros con 2 empresas funcionando xa. Son dous na cidade da Muralla (o CIFP Politécnico de Lugo e o CIFP as Mercedes) e un terceiro no CIFP Porta da Auga en Ribadeo.

En Ourense existen 3 viveiros e 11 empresas con proxectos en distintas fases e outras 3 empresas xa funcionando fóra do viveiro. Trátase dos viveiros do CIFP Portovello, do CIFP A Carballeira-Marcos Valcárcel, e do CIFP A Farixa, todos eles en Ourense cidade.

Finalmente en Pontevedra existen 5 viveiros con 12 empresas en distintas fases e 9 xa funcionando fóra do viveiros.  Dous dos viveiros están en Pontevedra cidade (IES Luís Seoane e CIFP A Xunqueira); outros dous en Vigo (CIFP Manuel Antonio e IES Ricardo Mella), e outro no CIFP A Granxa en Ponteareas.

IES Imaxe e son

Posteriormente o conselleiro achegouse ao IES Imaxe e Son, onde visitou diversas zonas de traballo como os estudos de televisión, platós, zonas de control, os estudios de gravación discográfica e musical e as salas de postprodución, así como as zonas de representación escénica.

A Consellería de Cultura e Educación destinou algo máis de 15.000 euros a este IES, no que se  imparten cinco familias profesionais e conta con preto de 470 alumnos e alumnas.