'FalaRedes', de Cultura e Educación, dinamiza o galego entre a xente miúda de Viveiro, de Boborás e de Corcubión co concerto-obradoiro 'Brinca vai de aquí a acolá!'

Conducida polo actor e músico Paco Nogueiras, esta proposta de lecer da Secretaría Xeral de Política Lingüística está a triunfar entre a cativada dos concellos da Rede de Dinamización Lingüística da Xunta de Galicia

Xov, 04/12/2014 - 13:55
'FalaRedes', de Cultura e Educación, dinamiza o galego entre a xente miúda de Vi
'FalaRedes', de Cultura e Educación, dinamiza o galego entre a xente miúda de Viveiro, de Boborás e de Corcubión co concerto-obradoiro 'Brinca vai de aquí a acolá!'

O concello lucense de Viveiro, o ourensán de Boborás e o coruñés de Corcubión acollerán esta semana o concerto-obradoiro Brinca vai de aquí a acolá! co que o programa FalaRedes, promovido pola Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria, por medio da Secretaría Xeral de Política Lingüística, está a dinamizar o galego entre a xente miúda e as súas familias.

O espectáculo conducido polo actor e músico Paco Nogueiras fará mañá as delicias da cativada de Viveiro, ás 18:00 horas no Teatro Pastor Díaz, mentres que o domingo visitará pola mañá Boborás, cun pase ás 12:30 horas no Local Social de Cameixa, e pola tarde Corcubión, ás 18:00 horas na Casa da Cultura. Coma sempre en FalaRedes, a entrada será libre e de balde ata completar a capacidade das salas.

Dirixido a nenos e nenas de 6 a 9 anos e ás súas familias, o concerto-obradoiro está a triunfar en cada vila da Rede de Dinamización Lingüística (RDL) da Xunta de Galicia que visita, xa que Paco Nogueiras non tarda en conquistar o público infantil a través dos atractivos ritmos dos que bota man.

Tras as paradas desta semana, o Brinca vai de aquí a acolá! seguirá de xira polos concellos da RDL ata facer parada nun total de 26 vilas antes de rematar o ano, chegando proximamente a Santa Comba, á Coruña, a Ramirás, a Bergondo, a Forcarei e a Barro.

Volve Os sons do vento que pasa

Con esta sexta proposta de lecer na nosa lingua Cultura e Educación pechará a edición 2014 do FalaRedes, que para a semana que vén recuperará o concerto de fados Os sons do vento que pasa con dous concertos cos que despedirá unha xira que desde xuño levou este outro espectáculo para todos os públicos a 36 vilas da RDL.

Deste xeito, ata finais de ano FalaRedes chegará durante as fins de semana e os festivos á totalidade de concellos da Rede a través de seis actividades con preto de 200 sesións gratuítas. Máis información sobre FalaRedes 2014 no web institucional da Secretaría Xeral de Política Lingüística www.xunta.es/linguagalega/falaredes_2014 e nas redes sociais.

Menús News node R