A Consellería de Cultura e Educación cubriu xa, coa máxima dilixencia e nun prazo de menos de 24 horas, a baixa do coidador do CEIP Plurilingüe Cardeal Quiroga Palacios

O departamento educativo da Xunta non tivo constancia da baixa ata onte a última hora da mañá

Mar, 02/12/2014 - 11:00
CEIP Plurilingüe Cardeal Quiroga Palacios
CEIP Plurilingüe Cardeal Quiroga Palacios

A Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria cubriu xa, a primeira hora desta mañá e en menos de 24 horas, a baixa do coidador que presta servizo no CEIP Plurilingüe Cardeal Quiroga Palacios, poñendo así de manifesto a dilixencia coa que actuou neste caso o departamento educativo da Xunta de Galicia, máis tendo en conta que non tivo constancia desta baixa ata onte a última hora de mañá. Está prevista a incorporación da persoa coidadora substituta ao centro hoxe mesmo.

Cómpre sinalar que a propia dirección do centro non puido facer a solicitude á Consellería para que se cubrira a baixa ata onte por non ter a confirmación da mesma en papel, e mesmo por ter dificultades para comunicarse coa persoa de baixa. Nesas circunstancias, en ausencia dun documento que acreditara a baixa, non era posible facer os trámites.

En calquera caso cómpre lembrar que este centro conta con persoal por riba de catálogo, o que facilita a atención deste alumnado malia non estar o coidador na aula.  De feito, a Consellería aumentou este ano o cadro de docentes deste centro, pasando de 27 docentes que atendían a 372 alumnos/as no curso 13/14 a 28 docentes para os actuais 413 alumnos e alumnas no curso 14/15.