Cultura e Educación, na preestrea de ‘O clube dos incomprendidos’, película subvencionada polo departamento que dirixe Vázquez Abad
O filme da produtora galega Bambú e Atresmedia Cine, que chegará ás salas de cinema o 25 de decembro, contou cun apoio económico de 252.694 euros a través da convocatoria de axudas de 2013 para a produción de longametraxes
Os Cines Callao acolleron esta noite o primeiro pase da fita no marco da Madrid Premiere Week
O coruñés Carlos Sedes dirixe este drama xuvenil baseado na novela ‘Buenos días, princesa’ e rodado en diferentes localizacións de Galicia e Madrid
A Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria apoiou esta noite en Madrid a preestrea de ‘O clube dos incomprendidos’, filme da compañía galega Bambú Producciones e Atresmedia Cine, que contou para a súa realización cunha subvención de 252.694 euros a través do programa de axudas da Agadic (Axencia Galega das Industrias Culturais) á produción de longametraxes cinematográficas.
En nome da Consellería, o director da Agadic, Jacobo Sutil, asistiu ao primeiro pase deste drama xuvenil baseado na novela ‘Buenos días, princesa’, de Blue Jeans, que tivo lugar nos Cines Callao como parte da programación da Madrid Premiere Week. A película, que poderá verse nas salas de cinema españolas a partir do 25 de decembro, supón o salto á gran pantalla de Bambú, centrada ata o de agora na produción de series de televisión tan coñecidas como ‘Velvet’, ‘Gran Hotel’, ‘Hispania’ ou ‘Gran Reserva’.
Rodaxe en Galicia
Para levar ao cinema este ‘bestseller’ xuvenil de Blue Jeans, pseudónimo do autor sevillano Francisco de Paula, a produtora pontevedresa confiou de novo no realizador coruñés Carlos Sedes, director dos seus éxitos televisivos. A rodaxe, que deu comezo a finais do pasado mes de abril, desenvolveuse en distintas localizacións de Madrid e Galicia, nomeadamente en Cangas e en Vigo.
Ramón Campos, produtor executivo de Bambú con Teresa Fernández-Valdés, asina esta adaptación xunto a Gema R. Neira, Cristóbal Garrido e Adolfo Valor. Os papeis protagonistas recaen nun reparto de novos actores e actrices, como Charlotte Vega, Álex Maruny, Michelle Clavó, Ivana Vaquero, Jorge Clemente e Andrea Trepat, ademais de contar coas interpretacións de Aitana Sánchez-Gijón, Raúl Arévalo e Yon González.