Vázquez Abad pon en valor o legado intelectual e o compromiso de Blanco Amor, na inauguración das xornadas con motivo do 35º aniversario do seu pasamento

O conselleiro de Cultura e Educación destacou que o autor de “A Esmorga” fixo de Ourense “a cidade máis literaturizada do país”

Agradeceu ao Centro PEN Galicia, á Deputación e ao Liceo de Ourense a organización dos actos na memoria do escritor, que se desenvolverán ata o mércores na cidade das Burgas

Lun, 01/12/2014 - 19:00
Vázquez Abad pon en valor o legado intelectual e o compromiso de Blanco Amor
Vázquez Abad pon en valor o legado intelectual e o compromiso de Blanco Amor

O conselleiro de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria, Xesús Vázquez Abad, participou esta tarde na inauguración das xornadas que teñen lugar en Ourense con motivo do 35º aniversario do pasamento do escritor Eduardo Blanco Amor.

Na súa intervención, Xesús Vázquez Abad loou a figura de Blanco Amor, ao que cualificou de “inmenso intelectual e creador” e destacou que o espírito da súa obra sigue vixente hoxe en día, como se manifesta no éxito da recén estreada película “A Esmorga”, de Ignacio Villar.

O conselleiro subliñou a “potencia” e a “brillantez” lingüística deste escritor que se manifesta na lingua coloquial propia dos personaxes das súas historias. “Blanco Amor é toda unha literatura”, reflexionou o conselleiro, quen engadiu que “fixo de Ourense -tras a Xeración Nós- a cidade máis literaturizada do país”.

Así mesmo “como ourensán e como conselleiro de Cultura e Educación” Vázquez Abad expresou os seus parabéns ao Centro PEN Galicia, á Deputación de Ourense e ao Liceo pola organización destas xornadas que durante tres días congregarán a especialistas en torno á obra e á figura de Blanco Amor.

Trala intervención do conselleiro, as xornadas continuaron cun relatorio do presidente da RAG, Xesús Alonso Montero, baixo o título “Tres incursións na vida e na obra de Blanco Amor: Manuel Azaña, García Lorca e a sociolingüística”. Os actos conmemorativos no día de hoxe complétanse coa presentación do libro “A moneca de Blanco Amor”, de María Xosé Queizán, e cunha actuación musical a cargo de María do Ceo, con Xavier Vaz ao piano. As xornadas continúan durante martes e mércores con mesas redondas onde os expertos afondan na obra de Blanco Amor e nas lembranzas dos seus amigos.

Doutra banda, esta mesma mañá o conselleiro de Cultura e Educación participou nunha ofrenda floral diante da campa do escritor, no cemiterio de San Francisco, que contou coa presenza do presidente da Deputación de Ourense, José Luis Baltar, do presidente da RAG, Xesús Alonso Montero, do director do PEN Galicia, Luís González Tosar; do director de Galaxia, Víctor F. Freixanes; e de Siro López, entre outros.

Un ano de homenaxes

As xornadas que hoxe se inician enmárcase no conxunto de actividades que a Xunta vén apoiando ao longo deste ano para render homenaxe a Eduardo Blanco Amor, tales como a estrea a pasada semana da película “A Esmorga”, dirixida por Ignacio Vilar e producida por Vía Láctea Filmes, para a que a Consellería de Cultura e Educación, a través de AGADIC, fixo unha achega de 335.000 euros en concepto de axudas á produción ou coprodución audiovisual en lingua galega con marcado contido artístico e cultural.

Con motivo do aniversario do pasamento de Blanco Amor, está prevista tamén a edición, en colaboración do diario La Región, dunha compilación dos escritos do autor publicados no xornal. Tamén se traballa na recompilación da correspondencia que distintos persoeiros enviaron a Blanco Amor e que se atopa na Biblioteca Provincial de Ourense.

Pola súa banda, lectorados de galego de diversas universidades do mundo ocuparanse de traducir diversos textos do escritor. Farano no marco do proxecto da Consellería de Cultura e Educación ‘Letras Galegas no mundo’, que se abriu este ano coa tradución de Nimbos, obra do poeta homenaxeado este 17 de maio de 2014 Xosé María Díaz Castro.

Ademais a Festa da Palabra na Ínsua dos Poetas dedicouse o pasado mes de xullo ao autor ourensán, un evento no que se inaugurou unha instalación alusiva á obra do escritor, creada por Acisclo Manzano e Acisclo Novo.