Cultura e Educación inicia a programación cultural de Galicia na XXVIII Feira Internacional do Libro de Guadalaxara
A Consellería difundirá a literatura e os autores galegos con presentacións de libros, mesas redondas e obradoiros infantís nos que participarán María Solar, Miguel Anxo Murado, Luis Pousa, David Pintor e Itziar Ezquieta
Preto de 30 editoriais galegas están representadas na feira no stand de Galicia
A Consellería apoiou este ano a participación do sector editorial galego en catro das principais feiras internacionais do libro, para o que destinou 150.000 euros
A Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria inicia a programación coa que difundirá o libro e a literatura de Galicia na Feira do Libro de Guadalaxara, un evento cultural de referencia que se celebra estes días en México. Na primeira das actividades, que terá lugar o 1 de decembro no stand de Galicia, ás 19 horas (hora mexicana), o escritor e xornalista Luis Pousa presentará o seu libro ‘Breviario del bus’. Acompañarao o secretario xeral de Cultura, Anxo Lorenzo, que está a apoiar en México a proxección internacional sector editorial galego.
Á mesma hora, o día 2, Galicia estará presente na programación cultural da feira coa mesa redonda ‘Formas literarias e comunicación co lector en Galicia’. Anxo Lorenzo, Luis Pousa, Miguel Anxo Murado, David Pintor e María Solar, que acaba de ser galardoada co Premio Lazarillo 2014 –convocado pola Organización Española para o Libro Infantil e Xuvenil, co apoio do Ministerio de Educación e Cultura– pola obra ‘O meu pesadelo favorito’, achegarán o público da feira á creación literaria en Galicia. Ademais, cada un dos autores explicará cales son as características das súas obras que fan delas un produto de interese para os lectores doutros países.
A cultura dixital tamén estará presenta na programación o 3 de decembro, da man de Marcos López, de OQO editora, e de Seth Pérez e Luis Cerda, de Thesis, que, acompañados polo secretario xeral de Cultura, presentarán ás 13 horas o proxecto E-Global.
Pola tarde, o stand de Galicia será o escenario do obradoiro ‘Xogando coa ilustración’, no que Itziar Ezquieta lles achegará aos nenos e nenas de entre 6 a 12 anos a creación plástica e a ilustración a partir do conto ‘El cuarto prohibido’, do OQO editora. Esa mesma tarde, ás 19 horas, o escritor galego Miguel Anxo Murado será o encargado de moderar a mesa ‘Os Balcáns. Literatura en campos de guerra’, que contará coas intervencións de Roman Simic (Croacia), Igor Marojevic (Serbia), Mitja Cander (Eslovenia) e Edo Popovic (Bosnia).
O ilustrador David Pintor pechará a programación cultural galega na Feira do Libro de Guadalaxara coa charla ‘Africa, a viaxe que inspirou un álbum ilustrado’, que terá lugar o xoves 4 de decembro ás 18 horas no stand de Galicia.
Ademais, o stand de Galicia dará a coñecer as novidades de preto de 30 editoriais galegas, entre as que se inclúen Galaxia, MC Sports, Xerais, Bululú, Alvarellos, Kalandraka, Nova Galicia Edicións, Urco Editora, Trifolium, Hugin e Munin, Ideas Propias, OQO editora, Triqueta Verde e Baía Edicións.
Un evento de referencia para o libro e a lectura
Máis de 600 escritores, axentes, editores de máis de 40 países, libreiros, bibliotecarios, profesores, promotores de lectura e lectores participarán ata o 7 de decembro na vixésimo oitava edición da feira, na que Arxentina é o país convidado.
O sector editorial galego nas feiras internacionais
Unha das principais liñas de promoción de obras galegas nos mercados exteriores é a asistencia ás feiras internacionais do libro, un programa promovido pola Consellería de Cultura e Educación en acordo coa Asociación Galega de Editores (AGE), que en 2014 incluíu a presenza de Galicia nas feiras de Boloña, de Buenos Aires, de Frankfurt e de Guadalaxara (México), apoio ao que este ano se destinan 150.000 euros.