Xesús Vázquez Abad reúnese coa Federación de Asociacións de Persoas Xordas de Galicia para avanzar en liñas de colaboración conxunta
O conselleiro de Cultura e Educación amosou a súa disposición a afondar na formación do profesorado co fin de acadar a máxima calidade na atención ao alumnado xordo
O conselleiro de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria, Xesús Vázquez Abad, mantivo hoxe unha xuntanza de traballo con representantes da Federación de Asociacións de Persoas Xordas de Galicia (FAXPG), co obxectivo de avanzar en proxectos de colaboración conxunta en material cultural e educativa, sobre todo no que respecta á formación do profesorado para a atención de alumnos con esta problemática.
O encontro, no que o conselleiro estivo acompañado do director xeral de Educación, Manuel Corredoira; e do director xeral de Centros, José Manuel Pinal; serviu para intercambiar opinións e definir un marco de traballo no que se baseen as futuras liñas de actuación en relación con este colectivo. A FAXPG estivo representada polo seu presidente, Iker Sertucha, e polo coordinador de Formación, Javier Sánchez.