A Xunta lembra á Universidade da Coruña que as súas demandas para a provisión de prazas de PDI deben suxeitarse á normativa estatal

Educación e Facenda están obrigadas a que as convocatorias non afecten ao cumprimento dos obxectivos de estabilidade orzamentaria

En 2014 autorizouse a contratación de 330 profesores

Ven, 21/11/2014 - 15:45
 A Xunta lembra á Universidade da Coruña que as súas demandas para a provisión d
A Xunta lembra á Universidade da Coruña que as súas demandas para a provisión de prazas de PDI deben suxeitarse á normativa estatal

A Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria lamenta que a Universidade da Coruña insista en recorrer a prácticas equivocadas que confunden á opinión pública, presentando indebidamente alegacións ao proxecto de orzamentos e esquecendo que as súas peticións coliden coa normativa estatal. Dende o punto de vista da consellería, nin a Xunta anula a autonomía das universidades nin o Parlamento galego debería ser o destinatario das demandas de rango estatal emanadas daquela institución.

De feito, o proxecto de Lei de orzamentos xerais do Estado para o ano 2015 dispón, con carácter de normativa básica, que non se procederá á contratación de persoal, nin ao nomeamento de persoal estatutario temporal ou de funcionarios interinos agás nos casos excepcionais e para cubrir necesidades urxentes e inaprazables, que se restrinxirán aos sectores, funcións e categorías profesionais que se consideren prioritarios ou que afecten ao funcionamento dos servizos públicos esenciais, supoñendo un máximo do 50% da taxa de reposición. Deste xeito, a taxa de reposición permitida ás universidades pasa do 10% do pasado ano a o 50% contemplado para o 2015.

Entre as excepcións contémplase as prazas de catedráticos de universidade, titulares e persoal de administración e servizo sempre a oferta de emprego público non afecte ao cumprimento dos obxectivos de estabilidade orzamentaria.

Normativa autonómica

En consonancia con tal normativa básica, o Proxecto de lei de orzamentos xerais da Comunidade Autónoma de Galicia para o ano 2015 traslada ao seu artigo 36 o límite do 50% da taxa de reposición e determina que a convocatoria desas prazas “deberaas autorizar a Consellería de Facenda, logo de acreditar que a oferta de emprego público das mencionadas prazas non afecta ao cumprimento dos obxectivos de estabilidade orzamentaria establecidos para a correspondente universidade, nin dos demais límites fixados na Lei orgánica 2/2012, do 27 de abril, de estabilidade orzamentaria e sustentabilidade financeira”.

A mencionada autorización conxunta está prevista para os casos excepcionais, que permiten a cobertura de necesidades de persoal docente máis aló do contemplado pola normativa básica estatal, o que supón un trato especial e diferenciado para as universidades do SUG, respecto do resto de institucións integrantes do Sector Público Autonómico.

Pero, ademais, o punto dous do mencionado artigo 36 permite ás universidades, con carácter excepcional e “con autorización previa conxunta das consellerías competentes en materia de ordenación universitaria e de facenda” cubrir prazas de PDI mediante provisión temporal. A necesidade destas contratacións debe xustificarse en necesidades obxectivas de docencia na área de coñecemento que deben ser urxentes e inaprazables. Estas convocatorias deberán publicarse no DOG co fin de lograr a maior transparencia e cumprir co principio de publicidade.

É necesario lembrar tamén que, por este procedemento, en 2013 foron autorizadas un total de 271 prazas de PDI nas universidades do SUG e, no que vai do 2014 a cifra de autorizacións sitúase en 330 prazas. Estas prazas engádense ás que lles corresponderían pola aplicación da taxa de reposición do 10% (en 2014 supoñen 10 prazas en total).

Polo que se refire as substitucións por baixa maternal, compre lembrar que existe un procedemento para pedir praza cando xa comezou o curso e se produce unha baixa, e que obriga ás consellerías de Educación e Facenda a dar unha autorización conxunta en 48 horas. Se despois, na universidade correspondente se demora semanas ou meses, xa non é responsabilidade da Xunta de Galicia.