O conselleiro de Cultura e Educación participa na clausura do IV Encontro de Conservación e Restauración

No transcurso do acto entregouse ao Museo Tifolóxico da ONCE unha réplica do Tímpano de Palmou elaborada pola Escola Superior de Conservación e Restauración de Bens Culturais de Galicia e a Escola de Canteiros

Ven, 21/11/2014 - 14:15
 O conselleiro de Cultura e Educación participa na clausura do IV Encontro de Co
O conselleiro de Cultura e Educación participa na clausura do IV Encontro de Conservación e Restauración

O conselleiro de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria, Xesús Vázquez Abad, participou esta mañá na clausura do IV Encontro de Conservación e Restauración que, co título de ‘Moldes, réplicas e patrimonio’ se celebrou no Museo de Pontevedra baixo a organización da Escola Superior de Conservación e Restauración de Bens Culturais de Galicia. No transcurso deste acto realizouse tamén a entrega dunha réplica do Tímpano de Palmou ao Museo Tifolóxico da ONCE realizada por alumnado do devandito centro de ensino, dependente do departamento educativo da Xunta. O encargado de recoller esta peza foi o delegado territorial da ONCE en Galicia, Manuel Martínez Pan.

O tímpano de Palmou é unha peza traballada en granito e datada no século XII que procede da portada principal da igrexa de San Xoán de Palmou (Lalín) e se custodia desde o ano 2005 no Museo de Pontevedra, co fin de garantir a axeitada conservación desta xoia do románico. Para realizar a réplica do mesmo a Escola Superior de Conservación e Restauración de Bens Culturais de Galicia realizou un molde da peza orixinal e un posterior positivado en escaiola, a partir do que a Escola de Canteiros da Deputación de Pontevedra realizou a peza en pedra mediante o sistema de máquina de puntos - que permite tomar medidas na réplica de escaiola sen manipular o tímpano orixinal-.

Este proceso foi protagonista dun dos relatorios do IV Encontro clausurado hoxe, unhas xornadas centradas na relevancia do papel de moldes e réplicas na historia da arte, tanto para a creación de pezas como facilitar a súa divulgación. Así, as diferentes actividades e coloquios afondaron na súa función no ámbito da restauración, as novas técnicas e materiais; así como do valor dos propios moldes e reproducións como colección museística. No encontro déronse cita profesionais de prestixio que ofreceron aos asistentes os seus coñecementos na materia desde a óptica de cadanseu campo específico de traballo.

A importancia da educación

Durante a súa intervención na clausura destas xornadas Vázquez Abad lembrou a importancia da educación para a preservación dos nosos bens culturais. Así, indicou que a  Carta de Atenas de 1931 recomendaba xa que “os educadores poñan empeño en habituar á infancia e á xuventude a absterse de calquera acto que poda desleixar os monumentos, e os induzan ao entendemento do significado e, en xeral, a interesarse na protección dos testemuños de todas as civilizacións.”

Neste sentido salientou o impulso que o seu departamento lle está a dar ás ensinanzas artísticas. Neste sentido, lembrou que “antonte a Consellería de Cultura e Educación e a Axencia para a Calidade do Sistema Universitario de Galicia (ACSUG) asinamos un convenio a través do cal esta axencia independente será a partires de agora a responsable de realizar un seguimento e avaliación que garante a calidade dos plans de estudos das ensinanzas artísticas superiores, as ensinanzas conducentes ao título superior e as ensinanzas artísticas oficiais de mestrado; un proceso homologable ao que se segue para calquera titulación universitaria e que garante a máxima calidade dos plans de estudo”.

Ademais, a Consellería asinou recentemente un convenio coa Universidade de Vigo a través do que a Escola Superior de Conservación e Restauración de Bens Culturais de Galicia colaborará coa institución universitaria no Máster en Valoración, Xestión e Conservación do Patrimonio Cultural. A través dese acordo parte das ensinanzas deste programa impartirase nas instalacións da Escola, cuxos profesionais poderán colaborar na docencia deste plan de estudos, sempre como profesorado externo á Universidade. Pola súa parte a UVigo facilitará que o alumnado da Escola Superior de Conservación e Restauración de Bens Culturais de Galicia acceda a este máster, co fin de completar os seus estudos.

No acto, ademais do conselleiro e o delegado territorial da ONCE en Galicia, participaron o presidente da Deputación de Pontevedra, Rafael Louzán; o delegado da Xunta na provincia, José Manuel Cores Tourís; e mais o director da Escola, José Antonio Quinteiro Alonso.