O conselleiro de Educación inaugura o congreso internacional de economistas da educación, que se celebra en Santiago

O encontro, que rematará o venres 10 de setembro, ten máis de medio centenar de asistentes entre profesores de secundaria, formación profesional e da universidade de materias relativas tanto á economía como á empresa

Mér, 08/09/2010 - 11:50
O Conselleiro de Educación xunto ao rector da USC á chegada do acto.
O Conselleiro de Educación xunto ao rector da USC á chegada do acto.

O conselleiro de Educación e Ordenación Universitaria, Xesús Vázquez Abad inaugurou hoxe pola maña o congreso internacional de economistas da educación, 2010, que se celebrará ata este venres en Santiago de Compostela.

O conselleiro de Educación compartiu a sesión inaugural co reitor da Universidade de Santiago de Compostela, Juan Casares Long e co presidente do Consello Xeral de Colexios de Economistas de España, Valentí Pich Rosell. No acto estivo presente o secretario xeral de Universidades da Consellería de Educación, José Alberto Díez de Castro.

Durante a súa intervención o conselleiro destacou que a pesares dos cambios vividos co paso do tempo na educación hai unha cousa que se mantén inalterable “la figura del profesor. Agora xurdiu unha nova saga de profesores e economistas chamados a fortalecer e a modernizar as nosas universidades e o sistema educativo en xeneral. Esa nova saga é a que vós representades. Os vosos retos e desafíos no son doados. Moitos destes retos e desafíos nos afectan e interesan aos que temos responsabilidades políticas en materia educativa”. Vázquez Abad engadiu que “temos que conseguir que a ensinanza da Economía no século XXI desenvolva e impulse a aparición de estudantes capaces de comprender e analizar as rápidas transformacións do mundo actual e futuro”.

O conselleiro de Educación recordou que “en aras da formación estamos a implantar unha cultura empresarial emprendedora no sistema educativo, como poden ser o programa FP Plus para estudantes de ciclos formativos de grao medio o superior. Asemade tamén dispoñemos dunha rede operativa de viveiros de empresas nos centros públicos de FP que integran o programa FP emprende”.

Xesús Vázquez Abad rematou a súa intervención dicindo que “estou plenamente convencido de que todos os que asistides a este Congreso Internacional reunides condicións extraordinarias para establecer a sempre buscada folla de ruta que nos permita seguir traballando e loitando por un mundo cada vez mellor”.

 A economía na educación

O primeiro relatorio correrá a cargo de Julio Segura, presidente da Comisión Nacional do Mercado de Valores, que falará do “Plan de educación financieira”. Posteriormente haberá un debate en torno á “Economía no bacharelato”, e falarase do “Estudio introdutorio da economía”, así como das comunicacións e a “Relación entre a ensinanza da economía no bacharelato e na universidade”.

Pola tarde haberá unha mesa redonda na que diferentes representantes da educación debateran sobre “A problemática dos profesores de economía na ensinanza secundaria e a formación profesional”.

Na xornada de maña esta previsto que os temas a tratar sexan “o proceso de Bolonia e os estudos de Economía”, así como “A ensinanza da economía en América”. Na tarde do xoves a discusión xirará en torno á “A problemática dos profesores de economía na universidade”. O día rematará coa mesa redonda “Realidade empresarial e a función do economista”, na que intervirán o presidente do Banco Pastor, José María Arias Mosquera; o director xeral de Finanzas do grupo Inditex; presidente de Gómez Egea Cornerstone BCN, Manuel Gómez López- Egea; e o presidente do Consello xeral de Colexios de Economistas, Valentí Pich Rosell.

O remate

O Congreso Internacional será pechado o venres, 10 de setembro, coa intervención da conselleira de Facenda da Xunta de Galicia, Marta Fernández Currás, que estará acompañada polo presidente da Organización de Economistas da Educación (OEE), Luis Caramés; e a decana da facultade de Ciencias Económicas Empresariais da Universidade de Santiago, Maite Cancelo.

Esta é a primeira edición do encontro que ten máis de medio centenar de participantes entre profesores de Educación Secundaria, Formación Profesional e da  Universidade, especialistas en materias de Economía e economía da empresa. Todos eles asistiran aos relatorio se actividades organizadas polo Consello Xeral de Economistas e pola Organización de Economistas da Educación (OEE), presidida por Luis Caramés.