O conselleiro de Cultura e Educación participa nos actos de celebración da Ciencia en Galego en Lalín

A Consellería réndelle así homenaxe ao matemático e físico Xosé Rodríguez González, nado na parroquia lalinense de Bermés, a quen se lle dedica este ano o Mes da Ciencia en Galego

Unha ofrenda floral, unha actividade de dinamización lingüística para os máis pequenos e dúas conferencias completan o programa que Cultura e Educación desenvolve hoxe na capital do Deza

Lun, 17/11/2014 - 13:55
O conselleiro de Cultura e Educación participa nos actos de celebración da Cienc
O conselleiro de Cultura e Educación participa nos actos de celebración da Ciencia en Galego en Lalín

O conselleiro de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria acudiu esta mañá a Lalín para abrir os actos con que o seu departamento celebra na capital do Deza o Mes da Ciencia en Galego. Os actos comezaron cunha ofrenda floral ante o busto do matemático lalinense Xosé Rodríguez González, a quen se lle dedica este ano a festa da lingua na ciencia.

Xesús Vázquez convidou os lalinenses a lembrar “que aquí tamén facemos ciencia de calidade e que temos unha lingua tan válida coma calquera outra para a investigación e a divulgación científicas”. Neste sentido, insistiu en que “canto máis usemos o galego para a ciencia, máis acaído será para desenvolvela”, porque, igual ca os outros idiomas creados polo ser humano, “se falta un termo para nomear un fenómeno que se acaba de descubrir ou un aparato que se acaba de crear, o galego ten na súa estrutura gramatical procedementos abondos para construílo”.

Acompañaron o conselleiro de Cultura e Educación o secretario xeral de Política Lingüística, Valentín García; o alcalde de Lalín, José Crespo; o primeiro tenente alcalde, Román Rodríguez; o presidente da Real Academia Galega de Ciencias, Miguel Ángel Ríos, e o director do Observatorio Astronómico Ramón María Aller, José Ángel Docobo.

Conferencias para divulgar a vida e a obra de Xosé Rodríguez

Os actos de conmemoración da Ciencia en Galego en Lalín continuaron ás doce da mañá no IES Laxeiro, onde José Ángel Docobo, catedrático do Departamento de Matemática Aplicada da Universidade de Santiago, achegou o alumnado á vida e á obra de Xosé Rodríguez González. Este acto contou tamén coa presenza do presidente da Real Academia de Ciencias, Miguel Ángel Rodríguez, que introduciu o tema da conferencia e presentou o profesor Docobo.

Esta noitiña, no museo Ramón María Aller, a xornada de divulgación abrirase a toda a cidadanía con outro relatorio sobre o matemático de Bermés que correrá a cargo do seu biógrafo, o profesor da Universidade de Vigo Gonzalo Navaza Blanco.

Ciencia en galego

Xosé Rodríguez é, a proposta da Institución Galega de Ciencia (Igaciencia), o científico galego homenaxeado con motivo do Mes da Ciencia en Galego en 2014, unha celebración orientada a mostrar que a lingua galega é útil para facer investigación e divulgación científica.

Ademais de cos actos de hoxe en Lalín, a Consellería de Cultura e Educación celebra o Mes da Ciencia en Galego coa divulgación das iniciativas que con este motivo desenvolven os equipos de dinamización da lingua galega dos centros educativos, con actividades nas bibliotecas escolares e nodais e co apoio a proxectos promovidos por Igaciencia, como a exposición Arte e ciencia ou o concurso Inventa en galego.

Xosé Rodríguez González

O lalinense Xosé Rodríguez, coñecido como o matemático de Bermés, foi, ademais de matemático, o científico ilustrado máis destacado de Galicia e unha autoridade mundial no campo da xeodesia. Liberal preocupado pola modernización e o progreso científico de España, entre os seus méritos figura o de ser o introdutor da cristalografía neste país. Relacionouse con importantes científicos europeos do seu tempo e chegou a rexeitar a oferta do tsar Alexandre II para dirixir o Observatorio Astronómico de San Petersburgo, aínda que si ocupou o posto de director do Observatorio de Madrid. Tamén foi catedrático da Universidade de Santiago e da Universidade Central de Madrid.