Política Lingüística abre o prazo de inscrición para participaren as familias cos seus bebés nos primeiros obradoiros dos Axóuxeres

Desenvolveranse cinco obradoiros na Coruña e dous en Ferrol, entre os días 15 e 17 deste mes

Mar, 07/09/2010 - 14:35

A Secretaría Xeral de Política Lingüística vén de abrir o prazo de inscrición para os primeiros Obradoiros dos Axóuxeres, que se desenvolverán nas cidades da Coruña e Ferrol durante a próxima semana.

Os Obradoiros dos Axóuxeres constitúen a novidade da cuarta edición do programa dos Axóuxeres, organizada polo departamento que dirixe Anxo Lorenzo, que arrancou esta fin de semana na Coruña. Esta nova actividade dinamizadora combina un pequeno curso de masaxe infantil, palabras e arrolos tradicionais galegos que teñen como fin sensibilizar as familias e propiciar a incorporación da lingua galega aos usos habituais na comunicación entre pais, nais e fillos.

En total, nesta primeira quenda, a secretaría xeral organiza cinco obradoiros na Coruña e dous en Ferrol. Así, a cidade da Coruña acollerá tres sesións desta actividade de dinamización lingüística o mércores día 15 de setembro, no Centro Cívico de Labañou, en horario de 17.00 a 20.00 horas, e dúas sesións o xoves 16 de setembro, no Centro Cívico de Novo Mesoiro, en horario de 17.00 a 19.00 horas. En Ferrol desenvolveranse dous obradoiros o venres 17 de setembro, na Casa da Xuventude, en horario de 17.00 a 19.00 horas.

As familias interesadas en participar poden inscribirse ata mañá chamando ao número 630 230 338.

Aloumiños, xestos e palabras para comunicar afectos

Os obradoiros estarán centrados na transmisión do afecto, tan importante no desenvolvemento dos bebés: as miradas, os aloumiños, a música e a palabra poden ser vías complementarias para afondar na relación entre nais, pais e fillos.

Obradoiros para darlles continuidade ás festas e aos encontros

A nova actividade dos Axóuxeres nace para darlles continuidade ás festas e aos encontros e desenvolveranse nunha primeira quenda nas sete cidades galegas durante os meses de setembro e outubro e, nunha segunda, en 12 vilas galegas desde xaneiro ata febreiro.

Durante os meses de setembro e outubro, as familias con bebés poderán participar en calquera dos catro obradoiros do Centro Social Uxío Novoneyra de Lugo, entre os días 21 e 22 de setembro; o Auditorio Municipal de Ourense acollerá outros catro obradoiros, entre os días 23 e o 24 de setembro; en Pontevedra desenvolveranse cinco Obradoiros dos Axóuxeres na Biblioteca Pública Antonio Odriozola, entre os días 27 e 28 de setembro; a Fundación MARCO será o espazo elixido para desenvolver os cinco obradoiros programados na cidade de Vigo, durante o 29 e o 30 de setembro; e, xa para concluír co seu periplo, O Centro Sociocultural e Xuvenil O Ensanche, de Santiago de Compostela, acollerá, entre o 6 e o 7 de outubro, os cinco últimos obradoiros da primeira quenda.

Inscrición telefónica previa

Os Obradoiros dos Axóuxeres, ao igual que os encontros, están pensados para grupos reducidos (15 familias por sesión), polo que se require inscrición telefónica previa. O calendario de inscrición nas diferentes cidades pódese consultar no web da Secretaría Xeral de Política Lingüística (www.xunta.es/linguagalega). O teléfono de atención ao público estará en funcionamento de 10.00 a 15.00 horas e atenderanse as solicitudes ata completar a capacidade.

Menús News node R

Colectivo