Xesús Vázquez Abad presenta o volume conmemorativo ‘10 anos do Museo Pedagóxico de Galicia’, como parte da celebración do décimo aniversario do MUPEGA

A obra recolle un capítulo liminar, vinte artigos de persoeiros e investigadores vinculados á institución e unha escolma gráfica que dan conta da evolución desta institución cultural durante os seus 10 primeiros anos de actividade pública

Ven, 14/11/2014 - 13:15
Xesús Vázquez Abad presentou hoxe no MUPEGA o libro “10 anos do Museo Pedagóxico
Xesús Vázquez Abad presentou hoxe no MUPEGA o libro “10 anos do Museo Pedagóxico de Galicia”

O conselleiro de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria, Xesús Vázquez Abad, presentou hoxe no MUPEGA o libro “10 anos do Museo Pedagóxico de Galicia”, unha novaactividade –tras a recente inauguración dunha mostra conmemorativa o pasado 20 deoutubro– programada para celebrar o décimo aniversario desta institución cultural.

En concreto, a obra ‘10 Anos...’ estrutúrase nun capítulo inicial que enmarca o volume, asinado polo actual director Emilio Castro; vinte artigos de balance e síntese do que significa o MUPEGA e a súa evolución durante estes primeiros dez anos, asinados todos eles por prestixiosas autoridades do eido educativo e profesionais vinculados á institución; e unha sucinta escolma gráfica que dan conta da evolución desta institución museal sita no compostelano barrio de San Lázaro.

Neste sentido, o conselleiro explicou que o libro recolle a participación coral dunha vintena de amigos e colaboradores do MUPEGA, “un conxunto de textos –afirmou Vázquez Abad−que nos ofrecen, por este motivo, unha serie de pensamentos e lembranzas, de impresións e suxestións arredor da existencia deste centro museístico de referencia dentro do noso actual sistema educativo. Un volume no que os lectores poden atopar ademais, a modo de sucinta crónica, os acontecementos vividos nesta curta andaina e a descrición deste xermolar.”

“O Mupega –concluíu o titular de Cultura−está pois de parabéns porque chega ao uso de razón, que se dicía antano, e porque faino respondendo ás características que xa apuntaba o  Premio Nobel turco, Orhan Pamuk, nun artigo publicado co título Modesto manifiesto por los museos: «Reivindico un museo pequeno que conte historias a escala humana, que recree o pasado de seres humanos singulares, que nos fale de historias cotiás e ordinarias…», e todo isto faino, coma ninguén, o noso Mupega.”

Educar, conservar, protexer

Ademais da presentación do libro conmemorativo, o Mupega acolleu dentro do programa de actos conmemorativos do día, a conferencia “Patrimonio histórico: educar, conservar, proteger”, que impartiu a profesora da Universidade Complutense e xefa do servizo do servizo de exportación e importación de Bens Culturais da Subdirección Xeral de Protección de Patrimonio Histórico do Ministerio de Cultura, Inmaculada González Galey. A xornada rematou cunha visita guiada polo director do centro, Emilio Castro, á referida mostra temporal “10 anos de Mupega.”

O patrimonio pedagóxico e lúdico de Galicia

O MUPEGA, que protexe, estuda e difunde o legado histórico-educativo da nosa terra, ofrece nas súas plantas baixa e primeira diversos espazos museográficos como os que representan as distintas aulas históricas de primaria e secundaria, a inspección educativa, o maxisterio, o mundo infantil, as escolas chegadas de alén mar e a galería de educadores galegos.

Así mesmo, na segunda planta a protagonista é a Rede Mupega, na que se ofrece unha coidada selección de fondos procedentes dos institutos históricos da nosa comunidade, aqueles creados nos anos centrais do século XIX, e que son o IES Salvador de Madariaga (A Coruña), o Arcebispo Xelmírez (Santiago de Compostela), o Lucus Augusti (Lugo), o Otero Pedrayo (Ourense) e o Sánchez Cantón (Pontevedra). Algunhas pezas singulares expostas neste andar son o Mapa Orográfico de Vicente Fraiz Andón, a máquina de imprenta Minerva, o motor Barreiros, que se empregaba na instrución do alumnado de FP na rama de mecánica, ou a máquina Perkins para a escritura en Braille.

Cómpre lembrar ademais que o museo mantén desde o principio un compromiso co mundo infantil, en xeral, e co do xogo e xoguete tradicional galego, en particular. Hai varias áreas especificamente deseñadas para explicar elementos capitais do mundo infantil como son o nacemento, a crianza e o xogo. Neste sentido cómpre destacar unha ludoteca para os máis pequenos e un patio de xogos exteriores para que os maiores podan coñecer e gozar co noso patrimonio lúdico máis enxebre.