Xesús Vázquez Abad anuncia que a oferta de emprego público de docentes para infantil e primaria incluirá todas as especialidades agás o francés

O conselleiro de Cultura e Educación lembrou que se ofertarán un mínimo de 400 prazas, aínda que o número exacto coñecerase en xaneiro, logo de pechar os datos de xubilacións

A convocatoria será analizada na Mesa Sectorial de Educación

Xov, 13/11/2014 - 19:35
 Xesús Vázquez Abad anuncia que a oferta de emprego público de docentes para inf
Xesús Vázquez Abad anuncia que a oferta de emprego público de docentes para infantil e primaria incluirá todas as especialidades agás o francés

O conselleiro de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria, Xesús Vázquez Abad, anunciou esta mañá en Ourense que a convocatoria de oferta pública de emprego para un mínimo de 400 docentes abranguerá a todas as especialidades agás o francés. Deste xeito ofertaranse prazas para infantil, primaria, inglés, música, educación física, pedagoxía terapéutica e audición e linguaxe.

Vázquez Abad reiterou o compromiso da Xunta de ofertar este vindeiro ano 2015 unhas 400 prazas no corpo de mestres, aínda que matizou que o número será inferior en Primaria dado que “tamén as necesidades son menores”.

Así mesmo, o responsable do departamento de Educación do Goberno galego sinalou que o número exacto de prazas non se coñecerá ata o mes de xaneiro, unha vez que se peche o ano natural e se coñeza o número exacto de xubilacións. Ademais, esta convocatoria de emprego público deberá ser debatida na Mesa Sectorial de Educación.

Cómpre lembrar que as oposicións no corpo de mestres son posibles grazas a que o Goberno do Estado elevara ata o 50 por cento a taxa de reposición, tras a petición formulada pola Xunta de Galicia.