Case 800 docentes asisten a xornada de formación do profesorado de formación profesional en Culleredo, A Coruña

O director xeral de Educación, José Luís Mira, inaugurou esta mañá a actividade, que se desenvolverá durante todo o día no IES Cruceiro Baleares de Culleredo

Ven, 03/09/2010 - 13:00

O IES Cruceiro Baleares de Culleredo acollerá hoxe unha xornada de formación do profesorado de Formación Profesional. Unha actividade que foi inaugurado polo director xeral de Educación, Formación Profesional e Innovación Educativa, José Luís Mira, na Coruña.

Á convocatoria asistiron 797 docentes das diferentes familias profesionais e inspectores de educación, que recibiran información sobre a estrutura e desenvolvemento dos títulos de Formación Profesional ao abeiro da LOE nas distintas ramas. Ao mesmo tempo se analizará o proceso de elaboración das programacións didácticas dos diferentes módulos profesionais. Esta xornada pon de manifesto a importancia da FP que se consolida como un itinerario formativo de peso no sistema educativo galego.

O longo do día os asistentes participaron tres relatorios en torno á Formación Profesional, así no primeiro abordáronse os novos títulos de FP, especialmente destinada aos docentes da familia profesional de administración e xestión, electricidade e electrónica, e formación e orientación laboral. No segundo relatorio tratáronse os títulos e os currículos de FP LOE de cada unha das familias profesionais, un proceso ao que a Consellería de Educación deu un forte impulso este pasado curso, xa que nun só ano adaptáronse 20 títulos de FP á Lei orgánica de educación (LOE) e á Lei das cualificacións e a formación profesional, de xeito que quedaron reforzados os contidos e a inserción laboral do estudantado. Finalmente o terceiro relatorio estivo relacionado co desenvolvemento curricular e as programacións didácticas de referencia.

Oferta formativa

Durante a xornada de hoxe recordouse que a oferta de ciclos formativos do sistema educativo de Galicia para o vindeiro curso escolar está formada por 103 títulos diferentes de FP, así como 39 de grao medio, e 64 de grao superior.

Isto supón que se imparten un total de 745 ciclos en réxime ordinario –dos que 409 son de grao medio e 336 de grao superior- nos 252 centros que teñen autorizadas estas ensinanzas. Unha oferta que ten como obxectivo adaptarse ás necesidades socioeconómicas de Galicia, co fin de facilitar a inserción laboral dos estudantes.

A celebración desta xornada de formación volve a amosar o compromiso da Consellería de Educación coa formación impulsando a FP como porta de acceso ao mundo laboral, polo que está a adaptar os ciclos formativos ás necesidades de cualificación do tecido socioprodutivo galego.

Ademais a Administración galega está a implementar progresivamente un sistema de mellora continua da calidade no sistema de FP, e promove a cultura de aprendizaxe permanente para que as persoas poidan afrontar con éxito os cambios na sociedade e no mercado laboral. Deste xeito continúa
aberto, ata o 13 de setembro, o prazo extraordinario de presentación de solicitudes de FP, mentres que o prazo para matricularse  pechará o 1 de outubro.