Galicia continúa a ser a comunidade pioneira na mellora do clima escolar coa elaboración do decreto que desenvolve a lei de convivencia e participación da comunidade educativa

A Consellería de Cultura e Educación elaborou a primeira lei en España ao respecto na que se recolle tamén o cyberbullying de forma específica, e publicou ademais un protocolo para guiar os centros nestas situacións
Como novidade , establécese o procedemento conciliado para a resolución de conflitos, promovendo o diálogo entre as partes e a inmediatez da corrección educativa
Así mesmo créase un Consello para a Convivencia Escolar da Comunidade Autónoma de Galicia, así como unha Comisión de Convivencia en cada centro de ensino
Xov, 30/10/2014 - 14:42

A Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria porá o acento nas actuacións preventivas e na formación do alumnado, profesorado, familias e persoal non docente no decreto que desenvolve a Lei 4/2011 de convivencia e participación da comunidade educativa, que será enviado ao Consello Consultivo tras a súa aprobación hoxe polo Consello da Xunta. Deste xeito, Galicia continúa a ser a comunidade autónoma pioneira na mellora do clima escolar, ao elaborar a primeira lei en España que recolle tamén o cyberbullying de forma específica, e que publicou un protocolo de prevención, detección e tratamento das situacións de acoso escolar, polo que é a primeira comunidade autónoma que recolle nun mesmo protocolo o tratamento do acoso e a do ciberacoso. Cómpre salientar, ademais, que se mantén a aposta pola rápida resolución dos procedementos que se abran para a imposición das medidas correctoras, nun prazo máximo de doce días lectivos desde que se tivo coñecemento dos feitos que deron lugar á súa incoación.

Cómpre sinalar que a Consellería ten en marcha outras iniciativas neste eido, como actividades de formación do profesorado, a participación en programas a prol dun bo clima na aula –proxecto europeo ARBAX, Plan director en colaboración coa Delegación de Goberno, entre outros-, ou o lanzamento de diferentes espazos web con recursos para o profesorado e o alumnado arredor desta materia.

Consello para a Convivencia Escolar

O novo texto afonda nas bases sentadas pola devandita lei, en concreto no referido a centrar as accións dirixidas a mellorar o clima escolar na detección das condutas conflitivas, na mediación e na corresponsabilidade. Neste sentido, o decreto sinala por primeira vez a todos os membros da comunidade educativa como axentes responsables da convivencia escolar. Para velar por ela establécese a creación dunha comisión de convivencia, que se encadrará no seo do Consello Escolar. Entre as súas funcións estará a elaboración do Plan de convivencia, a adopción de medidas preventivas e de mellora da convivencia, así como todas as accións dirixidas ao seu seguimento e das actuacións correctoras.

Ademais, o decreto prevé a creación do que será o primeiro Consello para a Convivencia Escolar da Comunidade Autónoma de Galicia, un órgano consultivo e de apoio a toda a comunidade educativa no que se refire á convivencia escolar, que contará co apoio dos servizos técnicos da Administración para fomentar a participación dos membros da comunidade educativa na mellora do clima nos centros de ensino.

Entre as súas funcións estarán a de avaliar a situación da convivencia nos centros, establecendo estratexias para a recollida de información, análise e difusión dos datos, impulsando e propoñendo liñas de actuación de investigación, prevención e inclusión nesta materia, información que será recollida nunha memoria anual elaborada ao remate de cada curso escolar. Ademais, proporá iniciativas de cara á mellora do clima escolar, elevará propostas de actuación á Administración educativa e realizará o seu seguimento e avaliación; incluirá tamén liñas de actuación en materia de formación do profesorado. Así mesmo, o Consello colaborará e coordinará as súas actuacións con diferentes organismos e entidades que teñan entre os seus fins a prevención e resolución de conflitos, así como a potenciación e mellora da convivencia escolar.

Acento nas medidas preventivas

O decreto pon o acento na prevención e na detección precoz, promovendo o desenvolvemento de actividades de acollida, sensibilización e formación do profesorado, o alumnado, as familias e o persoal non docente neste eido. Así, faise especial fincapé nas actuacións, programas e medidas para a mellora da convivencia desde unha perspectiva preventiva, e a Consellería comprométese a impulsar actividades formativas nesta materia. De feito estas actuacións xa se prevén en convocatorias como a de plans de formación en centros. Nesta mesma liña, a mediación escolar aparece destacada como unha medida de resolución de conflitos.

Outra das novidades deste decreto é o establecemento do procedemento conciliado para a corrección das condutas gravemente prexudiciais para a convivencia, de xeito que se persegue que o diálogo, a implicación e o compromiso do alumnado corrixido e da súa familia sirva para que a persoa agraviada se sinta valorada, que as medidas correctoras sexan consensuadas -de ser o caso- coa colaboración dun mediador para lograr o achegamento coas persoas afectadas e, ao mesmo tempo, para facilitar a inmediatez da corrección educativa.

Así mesmo, regúlase o funcionamento das aulas de convivencia inclusiva para substituír o tempo de expulsión do alumnado que estivese temporalmente privado do seu dereito de asistencia ao centro como consecuencia da imposición de medidas correctoras; e das escolas de nais e pais, que poderán propoñer iniciativas tendentes a previr e resolver conflitos de convivencia, mellorar a convivencia e fomentar o respecto mutuo e a tolerancia no centro educativo.

Nesta mesma liña establécese que as medidas de corrección deberán ter carácter educativo e recuperador, garantir o respecto dos dereitos de todo o alumnado e procurar a mellora da convivencia no centro docente, ser proporcionais á gravidade da conduta corrixida e, en definitiva, contribuír a que a alumna ou o alumno corrixido asuma o cumprimento dos seus deberes, mellore as súas relacións con todos os membros da comunidade escolar e a súa integración no centro educativo.

Plan de convivencia

O novo decreto define tamén o obxecto, fins e principios do Plan de convivencia de cada centro, así como a súa estrutura e contidos. Neste sentido incide na necesidade de que se inclúan medidas, actuacións e programas favorecedores dunha convivencia de calidade, e procesos de seguimento, avaliación e mellora do propio plan.

Ademais, o texto afonda nas liñas postas pola Lei 4/2011 no referido ás normas de organización, funcionamento e convivencia dos centros educativos, e nas actuacións, programas e medidas para a mellora da convivencia neles. Neste sentido as normas de cada centro concretarán os dereitos e deberes do alumnado e establecerán as condutas contrarias á convivencia e as correccións correspondentes, e poderán incluír, por exemplo, previsións sobre a vestimenta do alumnado ou sobre o uso de dispositivos móbiles e electrónicos.