Educación incrementa novamente nun 10% o importe das axudas ás ANPAS que prestan o servizo de comedor escolar

A pesar da época de crise pola que se está a pasar a Consellería incrementou nun 20% estas axudas

Xov, 02/09/2010 - 17:04

A Consellería de Educación continuará o vindeiro curso a apoiar o servizo complementario de comedor escolar incrementando nun 10% sobre o ano anterior o importe das achegas económicas destinadas ao cofinanciamento dos comedores xestionados polas asociacións de nais e pais (ANPAS) de alumnos e alumnas de centros públicos non universitarios.

A Consellería de Educación volve deste xeito demostrar o seu interese polo benestar dos estudantes galegos, e pesar da complicada situación económica que se vive nestes momentos fai un esforzo a prol das alumnas e alumnos, incrementando as axudas por segundo ano consecutivo, e ademais aumentando o seu alcance.

Así, no ano académico 2010-2011 haberá máis de 1,2 millóns de euros para apoiar estas asociacións e axudalas a sufragar o custo do menú, a vixilancia e coidado dos alumnos, en especial daqueles con necesidades específicas, e o desenvolvemento de programas de promoción da saúde e habilidades persoais nos comedores.

Ademais, e por primeira vez este ano, estas achegas económicas poderán destinarse a sufragar os gastos ocasionados pola contratación de pólizas de seguros vinculadas directamente á prestación do servizo de comedor escolar.

Este é o segundo curso consecutivo no que a Consellería de Educación incrementa o importe desta axudas, que xa se viron aumentadas nun 10% no pasado ano escolar 2009-2010; e supoñen un 20% máis da contía existente no momento de cambio da lexislatura.

Promoción de hábitos saudables

Poderán ser beneficiarios das axudas as asociacións, federacións e confederacións de nais e pais de alumnos e alumnas que xestionen, directa ou indirectamente, o servizo do comedor no centro escolar correspondente; e as que, por non existiren as instalacións axeitadas no centro, oferten o servizo nun local hostaleiro próximo á escola.

Para a concesión das axudas, e de acordo co compromiso de fomento de hábitos saudables entre a comunidade educativa, contarán como criterios de valoración para a concesión das subvencións o desenvolvemento programas de promoción da saúde,  de hábitos alimentarios saudables e de habilidades persoais do alumnado nos comedores.

As ANPA poderán presentar as solicitudes no prazo dun mes contado desde o día seguinte ao da publicación da orde de convocatoria no Diario Oficial de Galicia. A percepción destas axudas é compatible con outras subvencións para a mesma finalidade. A resolución de concesión das axudas será publicada no Diario Oficial de Galicia e na páxina web da Consellería de Educación, http:/www.edu.xunta.es/ea.