O conselleiro de Cultura e Educación anuncia no Parlamento unha oferta de emprego público de máis de 400 prazas para o corpo de mestres

A convocatoria será posible grazas ao incremento por parte do Goberno central da taxa de reposición tras a petición formulada pola Xunta de Galicia

Vázquez Abad compareceu esta tarde na Cámara galega para facer balance do inicio do curso 2014/2015

Mar, 28/10/2014 - 18:36
O conselleiro de Cultura e Educación anuncia no Parlamento unha oferta de empreg
O conselleiro de Cultura e Educación anuncia no Parlamento unha oferta de emprego público de máis de 400 prazas para o corpo de mestres

O conselleiro de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria, Xesús Vázquez Abad, anunciou hoxe no Parlamento de Galicia que o seu departamento ten previsto convocar unha oferta de emprego público cun número superior ás 400 prazas no corpo de mestres, o que suporía chegar ao máximo permitido neste momento. Durante a súa comparecencia na Cámara galega para facer balance do inicio do curso, Vázquez Abad salientou que as oposicións son posibles grazas ao incremento por parte do Goberno central da taxa de reposición tras a petición formulada pola  Xunta de Galicia de elevala ata o 50%. Así mesmo lembrou que Galicia segue a se a Comunidade con menor taxa de interinidade, un 10,1% fronte á media do Estado do 16,2; e que a ratio de alumnos por profesor é 10,3, a máis baixa de toda España.

Respecto do número de efectivos cos que conta a Consellería para atender ao alumnado, o conselleiro sinalou que o número de docentes que traballan no sistema educativo galego é semellante ao do curso pasado, “distribuídos pola xeografía galega para atender as necesidades educativas que poden xurdir en cada momento e que sempre varían dun curso a outro”. “O feito de que un profesor desapareza dun centro concreto non implica que xa non estea traballando no ensino galego”, engadiu. En calquera caso sinalou que o seu departamento respecta o Catálogo de postos fixado en 2007 polo Goberno bipartito, ademais de habilitar un total de 60.000 horas de docencia e atención ao alumnado de infantil e primaria froito da reorganización do horario lectivo e outras 30.000 derivadas da ampliación da carga lectiva en secundaria.

Cobertura de necesidades

Vázquez Abad salientou ademais a cobertura de necesidades puntuais con persoal contratado a maiores, tendo en conta que “o catálogo é unha ferramenta dinámica e flexible”. “Como exemplo, entre o 10 de setembro e o 20 de outubro, só na provincia de Pontevedra foron nomeados para cubrir vacantes de docentes de primaria 52 interinos, dos que 34 están por riba do fixado no catálogo”, sinalou, entre outros casos nos que o persoal supera o establecido. Neste mesmo sentido Vázquez Abad indicou que entre o curso 2008-2009 e o actual 2014-15 o número de coidadores creceu en 140 postos máis, “de xeito que os rapaces e as rapazas que presentan necesidades educativas especiais están mellor atendidos”.

O titular do departamento educativo da Xunta de Galicia fixo fincapé na necesidade de adecuar o número de efectivos á matrícula, sendo conscientes de que o sistema educativo está intimamente ligado á demografía, e de que o proceso de revisión dos datos de matrícula para axustar o persoal ao mesmo foi desenvolvido por todos os gobernos. “De feito, este curso hai un 3,2 % menos de alumnado en infantil ca no curso 2013/14”, dixo. A este respecto Vázquez Abad lembrou tamén que este curso só deixaron de prestar servizo educativo por contar con cinco alumnos ou menos 5 escolas unitarias, “a menor redución desde que se teñen datos”, “mentres que o Bipartito chegou a pechar unitarias no rural con 9 alumnos”.

Implantación da LOMCE

No que atinxe á implantación da Lei para a Mellora da Calidade Educativa (LOMCE) o conselleiro confiou en que este novo marco legal vai axudar a corrixir o feito de que “malia que en España se destinara un 15 % máis de investimento en educación que a media dos países da OCDE nas últimas décadas, os datos de abandono escolar, de paro xuvenil e de resultados educativos estean moi por debaixo”.

Neste sentido negou calquera tipo de improvisación na publicación e posta en marcha dos novos decretos de Primaria e FP Básica e salientou que a Consellería está a desenvolver nestes meses de outubro, novembro e decembro un plan específico de formación, cun total de 17 xornadas formativas arredor das competencias clave, coas que se formarán 2.550 docentes. Este plan específico de formación do profesorado sobre a LOMCE complétase con outras 13 accións formativas para preto de 1.000 docentes xa programadas dentro do Plan anual de formación; que se suman ás 10 xornadas formativas desenvolvidas no pasado mes de xuño para explicar os novos decretos.

Reforzo da FP

Xesús Vázquez considerou durante a súa comparecencia que a FP básica supón un significativo avance respecto dos PCPI, “ao permitir que o alumnado que remate estes ciclos teña un título oficial, que ten xa os mesmos efectos que o de graduado en ESO á hora de obter un emprego público ou privado. Asemade, estas ensinanzas permiten acceder tamén a unha proba final de ESO e obter este título por calquera das modalidades”.

Así mesmo reiterou a potenciación da FP como unha aposta prioritaria. “De feito, hoxe en Galicia hai máis prazas de FP: case un 55 % de incremento desde 2009, ata un cento de ciclos de nova creación e introduciuse a modalidade de FP Dual. Estamos a ofertar máis prazas da demanda real que demostran as matriculacións”, dixo.

Servizos complementarios

No referido aos servizos complementarios, o conselleiro explicou que o número de usuarios do transporte escolar en Galicia no 2014/2015 increméntase nun 2%, ata os 93.190, tendo en conta que este ano a Consellería está a transportar tamén ao alumnado da FP Básica que se ten que desprazar para cursar estudos fóra do seu concello. A maiores, o departamento educativo da Xunta facilita o transporte escolar de 186 alumnas e alumnos con discapacidades a través de convenios con diferentes entidades.

Outro dos servizos que medrou este curso foi o de comedor escolar, que conta en Galicia cun dos sistemas máis xusto e accesible de todo o Estado español, no que un 78,1% dos usuarios non pagan nada e un 5,3% paga 1 euro ao día. “Convén salientar o feito de que houbo un incremento do 22% de beneficiarios desde 2009 en comedores escolares baixo xestión directa da Administración educativa galega”, dixo o conselleiro.

Asemade, Vázquez Abad estimou que o programa de axudas á adquisición de libros de texto beneficiará este curso a preto de 7 de cada 10 alumnos, que se unen aos 2.300 escolares que contan este ano con libros gratuítos ao abeiro da implantación do proxecto Educación dixital (E-Dixgal).

Un camiño cara a mellora

Malia á situación de crise, o conselleiro non renunciou á mellora progresiva do sistema educativo a través da implantación de diferentes programas tales como o Abalar, que chega xa a 51.150 estudantes; a devandita implantación do E-Dixgal; os contratos-programa en 330 centros; ou o Plan LÍA, no marco do que no Plan de Mellora de Bibliotecas Escolares (PLAMBE) participan 550 centros escolares.

Neste sentido Xesús Vázquez anunciou que o Plan Proxecta, que coordina e propicia a colaboración en materia educativa entre distintos departamentos da Xunta, ten previsto chegar este curso a máis de 87.000 estudantes. Así mesmo está previsto que o Plan de Potenciación das Linguas Estranxeiras, que beneficia xa a 85.500 alumnas e alumnos -4 de cada 10 dos matriculados no ensino obrigatorio-, se estenda a etapas do ensino postobrigatorio, nomeadamente no Bacharelato e a FP

“Os tempos que nos toca vivir son estes e non outros. Aquí o que vale é saber que temos un camiño percorrido xa nestes cinco últimos anos, pero que aínda quedan cousas por facer”, dixo o conselleiro, valorando de xeito moi especial o esforzo do profesorado, que “dá o mellor de si para contribuír á mellor formación do noso alumnado”. Neste sentido convidou á oposición a abandonar as críticas sen rigor “porque do que se trata é de sumar esforzos nesta importante tarefa conxunta que é a educación das futuras xeracións de galegas e galegos”.