A Consellería de Cultura e Educación participou na presentación do proxecto europeo Comenius “Biodiversity of Rivers” no IES de Sar

O director xeral de Educación subliñou na súa intervención que este plan “cumpre os obxectivos do Programa de Aprendizaxe Permanente ao conxugar formación bioloxía, sostenibilidade, valores, innovación e aprendizaxe de linguas”

Mar, 28/10/2014 - 10:20
O director xeral de Educación, Formación Profesional e Innovación participou na
O director xeral de Educación, Formación Profesional e Innovación participou na presentación do proxecto europeo Comenius “Biodiversity of Rivers” no IES de Sar

A Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria, representada polo director xeral de Educación, Formación Profesional e Innovación, Manuel Corredoira, participou na presentación do plan europeo Comenius “Biodiversity of Rivers”, no que concorre o IES compostelán de Sar, conxuntamente con seis centros educativos de países como: Polonia, Romanía, Turquía, Portugal, Chipre e o territorio de ultramar francés correspondente á Illa da Reunión. Este programa permite a setenta alumnas e alumnos traballar durante dous anos sobre “A biodiversidade nos ríos”, realizando un estudo das principais plantas aromáticas e medicinais dun tramo do Camiño de Santiago, así como o abordar as tradicións e culturas autóctonas. Neste contexto, no caso galego, levarase a cabo un estudo sobre a calidade medioambiental dos ríos Sar e Sarela. Con esta iniciativa a Unión Europea pretende fomentar a sostenibilidade medioambiental e a protección da nosa riqueza e biodiversidade.

O director xeral de Educación, Formación Profesional e Innovación, subliñou na súa intervención que este plan “é un excelente exemplo do interese polo aprendizaxe e coñecemento da biodiversidade, dentro do ámbito da educación”. “ Cumpre os obxectivos do Programa de Aprendizaxe Permanente e os da dirección xeral, ao conxugar formación bioloxía, sostenibilidade, valores, innovación e aprendizaxe de linguas”, engadiu Manuel Corredoira.

O representante de Cultura e Educación rematou eloxiando “o labor realizado conxuntamente polos socios, que dan mostras dun excelente traballo de coordinación en beneficio dun proxecto común e cuxos resultados repercutirán noutros profesionais da Unión Europea”. Ademais Corredoira aproveitou a oportunidade “para animar aos presentes a seguir avanzando e desenvolvendo proxectos de formación innovadores e manifestar, unha vez máis, o apoio que desde a Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria, se seguirá brindando a este tipo de iniciativas”

Desenvolvemento do programa

Esta iniciativa está financiada pola Unión Europea e permitirá que diferentes grupos de alumnos e docentes viaxen a varios destes países. Os participantes mellorarán as súas destrezas lingüísticas, tanto en inglés como en francés, ao tempo que ampliarán os seus coñecementos sobre a cultura, o estilo de vida, e as tradicións máis arraigadas destas sociedades, promovendo valores como a diversidade, o respecto e a tolerancia, e fomentado a importancia da conservación do medio ambiente en relación coa nosa saúde.

Unha das actividades máis relevantes serán as reunións de traballo e confraternización que se levarán a cabo en cada unha das escolas asociadas, sendo os centros de Turquía, Romanía e illa da Reunión os lugares onde se celebrarán durante o presente curso, e na nosa cidade, en Portugal e Polonia os tres onde se farán o vindeiro curso. Nestas visitas participarán un total de 14 alumnos e dez profesores, aínda que nas actividades a realizar durante o proxecto o número de alumnos participantes achégase a 150 mentres que o número de profesores será de 15.

O IES de Sar ten participado desde 1999 noutros seis proxectos europeos e tamén colaborou co Concello e coa empresa Aquagest, nun convenio asinado en 1999, para analizar a potabilidade da auga de 321 fontes do Concello de Santiago para despois realizar unha análise trimestral das 104 das fontes máis relevantes.

O presente proxecto Comenius ofrece unha inmellorable oportunidade para revitalizar no centro aspectos tan importantes como o traballo en equipo de todos os sectores da comunidade educativa e o enriquecemento cultural dos alumnos e profesorado participantes.