O conselleiro de Cultura e Educación comparte a celebración do Día Internacional das Bibliotecas co alumnado dos CEIP do Foxo (A Estrada) e Lamas de Abade (Santiago)

Xesús Vázquez Abad salientou a importancia da biblioteca escolar como centro de recursos de lectura, información e aprendizaxe, e aproveitou para visitar as obras de mellora que se están a realizar na biblioteca do colexio estradense

Ven, 24/10/2014 - 12:10
O conselleiro de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria, Xesús Vázquez Ab
O conselleiro de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria, Xesús Vázquez Abad, compartiu hoxe a celebración do Día Internacional das Bibliotecas co alumnado do CEIP e Lamas de Abade (Santiago de Compostela)

O conselleiro de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria, Xesús Vázquez Abad, compartiu hoxe a celebración do Día Internacional das Bibliotecas co alumnado dos CEIP do Foxo (A Estrada) e Lamas de Abade (Santiago de Compostela). Neste sentido cómpre lembrar que, ademais da ampla oferta de actividades preparada para celebrar este día nas bibliotecas nodais dependentes da Consellería, o departamento educativo da Xunta de Galicia fai todos os anos unha chamada a que todos os centros celebren este día con actividades de animación á lectura, co obxectivo de reforzar ese labor diario que realizan os docentes para introducir o hábito lector no día a día dos máis pequenos

No caso do centro estradense, conselleiro asistiu ao recital de poemas realizado polas nenas e nenos no ‘Xardín da Poesía’, que alumnado e profesorado engalanaron con poemas e libros, tras o recibimento ofrecido polas pandereteiras do grupo folclórico Abrente do colexio. No transcurso da celebración o conselleiro animou aos máis pequenos a continuar buscando nos libros novas aventuras e realidades “que vos axudan a medrar”, e agradeceu o labor diario do profesorado para inculcar neles o hábito lector. Así mesmo salientou a importancia da biblioteca escolar como centro de recursos de lectura, información e aprendizaxe, espazos nos que o alumnado aprende a extraer información dun xornal, a utilizar os novos dispositivos electrónicos, ou a empregar recursos multimedia. “Polo tanto - dixo- espazos fundamentais na educación de hoxe en día”.

A celebración serviu ademais como homenaxe á profesora María Porto Puente, falecida recentemente, que desenvolveu neste centro un activo papel como coordinadora da biblioteca.

No transcurso da visita Vázquez Abad comprobou o avance das melloras que se están a facer na biblioteca ‘Xosé Neira Vilas’ do centro –integrada desde o 2006 no Plan de Mellora de Bibliotecas Escolares (PLAMBE)– en colaboración co Concello da Estrada e interesouse polo funcionamento de iniciativas como as seccións bilingües ou os contratos-programa. Trátase dun centro moi dinámico, que busca constantemente implicarse en novas iniciativas para a mellora do ensino que reciben os seus case 100 alumnos e que, por suposto, conta co compromiso recíproco da Consellería, cun investimento nos últimos anos en obras e programas educativos que supera os 143.000 euros.

Vázquez Abad completou o seu paso polo centro cunha visita á súa pinacoteca,  bautizada co nome de ‘Paco Lareo’, nun percorrido no que estivo acompañado polo secretario xeral de Política Lingüística, Valentín García; pola directora do CEIP do Foxo, Rosa María Ferreira; polos artistas invitados, Ramiro Cimadevila e a escritora Rosalía Morlán; e polo xefe territorial da Consellería na provincia de Pontevedra, César Pérez Ares.

CEIP Lamas de Abade

No CEIP Lamas de Abade o conselleiro visitou a biblioteca do centro, tamén integrada desde o 2006 no PLAMBE, transmitindo tamén ao profesorado os seus parabéns polo labor desenvolvido en prol da dinamización da lectura entre os máis novos, facendo da mesma unha actividade atractiva para as nenas e nenos.

Vázquez Abad aproveitou ademais para comprobar o resultado das últimas melloras realizadas no centro, en concreto na carpintería de fiestras, que se suman ás realizadas en anos anteriores co cambio de cortinas e a reforma da sala de caldeiras. Estas obras así como a implantación do proxecto Abalar e máis dos contratos-programa demostran o compromiso con este centro, no que o departamento de Educación leva investido nos últimos anos máis de 158.000 euros.

Durante o seu percorrido polo centro o conselleiro estivo acompañado por membros do equipo directivo e docente, e polo xefe territorial da Consellería na provincia da Coruña, Indalecio Cabana.