Cultura e Educación participa no acto de apertura do curso 2014/2015 do Conservatorio Profesional de Música Manuel Quiroga

Nesta xornada tamén se presentou o libro “Del conservatorio Príncipe Don Alfonso al CMUS Manuel Quiroga” e inaugurouse a exposición con documentos históricos, conmemorativa do 150 aniversario do devandito centro de ensino musical

Xov, 23/10/2014 - 21:15
Conservatorio Profesional de Música Manuel Quiroga
Conservatorio Profesional de Música Manuel Quiroga

A Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria, representada polo seu director xeral de Centros e Recursos Humanos, José Manuel Pinal, participou hoxe na inauguración do curso 2014/2015 do Conservatorio Profesional de Música Manuel Quiroga de Pontevedra. Así mesmo tamén se pecharon os actos de conmemoración do 150 aniversario deste centro de ensino musical coa presentación do libro conmemorativo “Del conservatorio Príncipe Don Alfonso al CMUS Manuel Quiroga”, editado pola Deputación provincial que recolle a historia do que é un dos conservatorios máis antigos de España. Ademais inaugurouse unha exposición con documentos históricos sobre o CMUS Manuel Quiroga ao tempo que se celebrou un concerto da Banda de música da Escola Naval Militar de Marín

Conservatorio de referencia

Durante a súa intervención o director xeral salientou que este conservatorio “é o terceiro de Galicia en tamaño canto a docentes e alumnado e o primeiro en canto a especialidades ofertadas”, o cal “reflicte ben ás claras a relevancia que este centro ten na vida educativa, cultural e social non só da cidade e da provincia, senón do conxunto de Galicia”, engadiu José Manuel Pinal.

Pinal Rodríguez lembrou que “desde a Consellería hai tempo que se ven incidindo nunha política de promoción da educación musical, o que ten mudado por completo o panorama galego nos últimos lustros” e agregou que “coa renovada rede de centros, os responsables da educación e a cultura en Galicia reafirmamos unha vez máis a nosa aposta por unha formación musical da máis alta calidade e para o maior número posible de usuarios”. O responsable de centros da consellería rematou o seu discurso dando os parabéns “a esta comunidade educativa polo seu traballo e polo seu compromiso renovado cada día”.

Conmemoración do conservatorio máis antigo de Galicia

O centro, fundado en febreiro de 1863 e dependente da Xunta de Galicia desde o curso 1991/1992, comezou os actos de celebración o pasado outubro, co gallo da apertura do curso 2012/2013. Ao longo do ano 2013  está previsto desenvolver encontros con antigos alumnos e profesores, concertos do alumnado con outras agrupacións musicais, e mesmo a representación do musical ‘Manuel Quiroga’, estreado en 2011 con motivo do 50 aniversario do pasamento do violinista que da nome ao centro

O obxectivo é recuperar a memoria deste centro, ata o momento pouco documentada para o que , o conservatorio está a traballar nunha publicación que recolla a súa historia desde a fundación, que está previsto presentar a inicios do vindeiro curso académico. Así mesmo, o centro está a organizar unha exposición do 150 aniversario que, comisariada por Fernando Otero Urtaza, amosará fotografías, testemuños dos xornais, cartas e impresións que deron conta da existencia e evolución do conservatorio neste século e medio.

Ademais o centro, no que cursan estudos este curso arredor de 600 alumnas e alumnos, convocou un concurso de composición co gallo da conmemoración, dirixido ao alumnado matriculado no 6º curso do grao profesional de música, ou en calquera dos cursos de grao superior de música, de todos os conservatorios profesionais ou superiores de Galicia.  A Consellería de Cultura e Educación editará  a gravación, entregando 300 copias o primeiro premiado, 150 ao segundo, e outras para a súa distribución en centros e institucións de ensino e difusión musical.