Xesús Vázquez Abad inaugura a mostra conmemorativa ‘10 anos de MUPEGA’ destacando as “máis de 100 exposicións itinerantes e 50 traballos de investigación editados”

Na primeira planta do Museo Pedagóxico de Galicia ofrecerase até o vindeiro 28 de febreiro unha escolma de preto de 90 pezas que dan conta da evolución do centro
O conselleiro celebrou o paso de case 70.000 visitantes e os logros expositivos, investigadores e en prol da salvagarda do patrimonio educativo galego acadados “polo primeiro museo desta temática que xurde en España con respaldo institucional desde o século XIX”
Lun, 20/10/2014 - 20:15
Xesús Vázquez Abad inaugura a mostra conmemorativa ‘10 anos de MUPEGA’
Xesús Vázquez Abad inaugura a mostra conmemorativa ‘10 anos de MUPEGA’

O conselleiro de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria, Xesús Vázquez Abad, inaugurou na tarde de hoxe a exposición ‘10 anos de MUPEGA’, coa que se conmemora unha década de actividade pública do Museo Pedagóxico de Galicia na súa sede compostelá de San Lázaro, un espazo polo cal pasaron xa preto de 70.000 visitantes. Concretamente, ‘10 anos de MUPEGA’ ocupará a parte dedicada a exposicións temporais da primeira planta e nela exporanse un total de 89 pezas entre imaxes, documentación de arquivo e materiais educativos que testemuñan a evolución institucional e as realizacións museais deste centro no que se pon de manifesto a variedade e riqueza do patrimonio pedagóxico de Galicia, desde a súa apertura o día 21 de outubro de 2004 até a actualidade. A mostra permanecerá aberta até o 28 de febreiro de 2015 e poderá visitarse de balde.

O conselleiro destacou que se trata do primeiro museo desta temática que xurde en España con respaldo institucional desde o século XIX e fixo fincapé no seu traballo expositivo e investigador: “con máis de 100 exposicións itinerantes e máis de 50 traballos de investigación editados.” Así mesmo, nos dez anos de vida pública do museo organizáronse 4 eventos congresuais de carácter nacional e internacional, 5 cursos de formación para especialistas e 10 exposicións temporais de produción propia.

Por outra banda, Vázquez Abad chamou a atención sobre o feito de que o MUPEGA se fose incorporando “ás organizacións museísticas máis sobranceiras, desde o ICOM ata o Consello Galego de Museos, sen esquecer ás relacionadas co mundo do xogo e xoguete tradicional, como Brinquedia ou a Asociación Galega do Xogo Tradicional, nestes casos para responder ao mandato fundacional que este centro tivo e ten co mundo do xogo e do xoguete galego.” “Desde a Consellería de Cultura e Educación −concluíu o responsable da Xunta−, parécenos moi importante que manteñamos o contacto co esencial do pasado e coa actitude das persoas que sentaron as bases para ofrecer unha educación de calidade.”

Un museo centrado no patrimonio pedagóxico e lúdico de Galicia

O MUPEGA, que protexe, estuda e difunde o legado histórico-educativo da nosa terra, ofrece na súa planta baixa e primeira distintos espazos museográficos como os que representan as distintas aulas históricas de primaria e secundaria, a inspección educativa, o maxisterio, o mundo infantil, as escolas chegadas de alén mar e a galería de educadores galegos. Así mesmo, na segunda planta a protagonista é a Rede Mupega, na que se ofrece unha coidada selección de fondos procedentes dos institutos históricos da nosa comunidade, aqueles creados nos anos centrais do século XIX, e que son o IES Salvador de Madariaga (A Coruña), o Arcebispo Xelmírez (Santiago de Compostela), o Lucus Augusti (Lugo), o Otero Pedrayo (Ourense) e o Sánchez Cantón (Pontevedra). Algunhas pezas singulares expostas son o Mapa Orográfico de Vicente Fraiz Andón, a máquina de imprenta Minerva, o motor Barreiros, que se empregaba na instrución do alumnado de FP na rama de mecánica, ou a máquina Perkins para a escritura en Braille.

Por último, o museo mantén desde o principio un compromiso co mundo infantil, en xeral, e co do xogo e xoguete tradicional galego, en particular. Hai varias áreas especificamente deseñadas para explicar elementos capitais do mundo infantil como son o nacemento, a crianza e o xogo. Neste sentido cómpre destacar unha ludoteca para os máis pequenos e un patio de xogos exteriores para que os maiores podan coñecer e gozar co noso patrimonio lúdico máis enxebre.