Cultura e Educación presenta os obradoiros de radio ‘O galego na onda’

Forman parte dunha actividade de dinamización lingüística máis ampla que inclúe tamén un concurso de cuñas radiofónicas a prol do galego e que se vén desenvolvendo desde a pasada primavera en concellos e mancomunidades da Rede de Dinamización Lingüística

Lun, 20/10/2014 - 12:40
O secretario xeral, Valentín García Gómez, na rolda de prensa
O secretario xeral, Valentín García Gómez, na rolda de prensa

A Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria, a través do secretario xeral de Política Lingüística, presentou hoxe a segunda parte da actividade da Rede de Dinamización Lingüística (RDL) “O galego na onda”, centrada na comunicación radiofónica. Se esta primavera os rapaces de seis entidades da RDL elaboraron cuñas publicitarias a prol do galego para participaren no concurso do mesmo nome, no outono os gañadores reciben o seu premio en forma de obradoiros de radio impartidos polo profesional da comunicación Rubén Riós. Ademais, entran nunha segunda fase do concurso cuxos gañadores terán ocasión de compartir micrófonos co coñecido xornalista da Radio Galega, Kiko Novoa.

O secretario xeral, Valentín García Gómez, destacou o orgullo pola propia lingua que revelan as cuñas radiofónicas premiadas e mostrouse seguro de que os seus autores “lle sacarán un gran partido do obradoiro que agora van realizar, o que lles axudará a mellorar as súas capacidades comunicativas e a valorar a  idoneidade do galego para o ámbito da comunicación de masas”.

A carón de García Gómez, interviu na presentación o actor e comunicador Rubén Riós, responsable da empresa Claqueta Croqueta, que desenvolverá os obradoiros. Riós actuará tamén como monitor nesta actividade, revelándolle á rapazada os secretos da comunicación radiofónica e axudándoa a crear o seu propio programa de radio, que se poderá escoitar na emisora municipal de cada concello participante.

Seis entidades da Rede de Dinamización Lingüística

Os obradoiros de radio “O galego na onda”, que se iniciarán o día 22 de outubro en Santa Comba, chegarán este outono a esta e mais a outras cinco entidades pertencentes á Rede de Dinamización Lingüística: aos concellos da Mancomunidade de Municipios da Comarca de Ordes, ao Carballiño, a Burela, a Cambados e a Melide. Están dirixidos a mozos e mozas destas entidades que teñan entre 12 e 16 anos e que participasen e gañasen a fase local do concurso de cuñas radiofónicas para promover o galego que se celebrou esta primavera, no mes das Letras Galegas.

Os asistentes aprenderán sobre comunicación radiofónica en galego, elaborarán un programa de radio e terán ocasión de mellorar a cuña con que gañaron a fase local do concurso “O galego na onda” para participaren na autonómica, cuxos vencedores intervirán co coñecido xornalista Kiko Novoa nun programa da Radio Galega.

Programación da Rede

Os obradoiros de radio forman parte da planificación anual da RLD que desenvolveu para o ano 2014 un grupo de técnicos desta entidade. A dita planificación, que consta doutras 11 medidas normalizadoras inspiradas nos obxectivos do Plan Xeral de Normalización da Lingua Galega, foi elevada ao Consello de Membros da RDL, que a aprobou na súa sesión ordinaria do 30 de decembro de 2013.

A Secretaría Xeral de Política Lingüística da Consellería de Cultura e Educación completa esta planificación co programa FalaRedes, tamén dirixido a entidades pertencentes á Rede de Dinamización Lingüística desde que esta foi creada no ano 2011.

Menús News node R