A Consellería de Cultura e Educación asina o contrato de construción do novo IES de Culleredo, cun orzamento de máis de 4 millóns de euros

As obras comezarán o martes coa celebración da acta de replanteo

O centro contará con 16 aulas de ESO que albergarán 480 estudantes, o que dá resposta ás necesidades deste concello

Sáb, 18/10/2014 - 09:30
x
Alzado do novo IES de Culleredo

A Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria, vén de asinar o contrato de construción do novo IES de Culleredo, unha obra que foi adxudicada á empresa Francisco Gómez y Cía. S. L. por un importe de 4.039.800 euros, ao que sumará despois o investimento en equipamento, en torno a un 10% do orzamento total. O prazo de execución inicial é de 14 meses, aínda que a Consellería realizará unha modificación do programa de traballo para acurtar este período na medida do posible. De feito as obras iniciaranse xa o vindeiro martes coa celebración da acta de replanteo.

Deste xeito o departamento educativo da Xunta de Galicia dá cumprimento ao compromiso adquirido coa comunidade educativas deste concello cun esforzo económico especialmente salientable no momento de crise actual.

O edificio

O instituto contará con 16 unidades de Educación Secundaria Obrigatoria para 480 alumnas e alumnos. A superficie total construída ascenderá a 4.855,86m², aos que se engadirán 1.188,60m² de pista polideportiva cuberta que, xunto co ximnasio e os vestiarios, terá acceso independente desde a vía pública. O edificio disporase en tres plantas e terá forma de `L´, adaptándose á topografía do terreo. Na planta baixa situarase a zona administrativa, dirección, sala de profesores, laboratorios, talleres, almacéns cuartos de instalacións e aseos; mentres que no primeiro andar estarán os espazos docentes destinados a aulas de plástica, informática, música, drama e audio, as aulas de desdobre, biblioteca e seminarios, así como a aula polivalente e a cafetería. As 16 aulas de ESO estarán na segunda planta. Noutro volume estará a zona deportiva con vestiarios para ambos sexos, ximnasio de 378,00 m², pista polideportiva cuberta de 1.188,60 m² e zona de instalacións con acceso directo dende a rúa.

O edificio deseñouse para aproveitar ao máximo a luz natural, así como para optimizar o deseño dos materiais utilizados. Así, a estrutura será de formigón armado, excepto a cuberta do ximnasio e pista polideportiva, onde se empregará o metal. Ademais, colocarase carpintería exterior de aluminio lacado ou anodizado con rotura de ponte térmica e dobre folla de vidro, laminar nas portas e ventás segundo a súa ubicación en fachada, con vidros compostos de seguridade e de baixa emisividade térmica.

No caso da cuberta do edificio, será inclinada, de panel, salvo na zona de instalacións que é cuberta plana invertida transitable e nos volumes de seminarios, aulas de música, biblioteca e sala polivalente, onde se utilizará a cuberta `deck´. Todas as dependencias terán falso teito acústico e carpintería de aluminio lacado ou anodizado. No exterior, a pista e a zona de patio serán de soleira de formigón, así como os accesos.