A Comisión Escolar de Alertas recomenda o seguimento das condicións climáticas que afectan ás actividades docentes pero decide non suspender as clases este xoves 16 de outubro

A Consellería de Cultura e Educación comunicou a incidencia aos directores dos centros e aos representantes das asociacións de transportistas para que sigan os partes meteorolóxicos ao longo da tarde

Xov, 16/10/2014 - 15:22

A Comisión Escolar de Alertas recomenda o seguimento das condicións climáticas que afectan ás actividades docentes polos fenómenos meteorolóxicos adversos dos que informou a Axencia Estatal de Meteoroloxía (AEMET) entre as 12 e as 21 horas deste 16 de outubro. En concreto o nivel de alerta é vermello por choivas para as zonas de predición meteorolóxica do Interior de Pontevedra, e de nivel laranxa por choivas para as zonas do Centro de Ourense e Noroeste e Miño de Ourense.

Aínda que non se suspende a actividade docente nin o transporte escolar, a Comisión Escolar de Alertas aconsella un especial coidado e seguimento dos partes meteorolóxicos durante todo o período no que dure o adverso. No caso de que existisen circunstancias que o aconsellasen, os/as directores/as poderán adoptar as decisións oportunas respecto da suspensión da actividade docente.

As zonas climáticas poden consultarse no enlace web

http://www.meteogalicia.es/datosred/infoweb/meteo/docs/adversos/DefinicionZonasAdversos_gl.pdf .