O Foro Enrique Peinador e Política Lingüística colaboran para ampliar a presenza do galego na actividade socioeconómica

A secretaría xeral apoia as iniciativas de diversas entidades co fin de potenciar a incorporación da lingua galega a este sector estratéxico

Mér, 25/08/2010 - 12:38

Para acadar unha maior extensión do uso do galego, o ámbito socioeconómico é un piar fundamental. Por iso, a Secretaría Xeral de Política Lingüística está a potenciar a incorporación da lingua propia de Galicia a este sector a través de diversas iniciativas, entre elas, a colaboración con entidades de referencia neste campo. Nesta liña de actuación, o departamento que dirixe Anxo Lorenzo vén de asinar un convenio de colaboración co Foro Enrique Peinador, grazas ao cal se impulsarán diversas actuacións de grande interese para a promoción do uso do galego no sector empresarial ao longo deste ano.

O compromiso das empresas co galego

Entre estas iniciativas, destaca a realización de encontros con empresarios de Galicia que se basean na promoción do uso do galego como un valor engadido ao desenvolvemento económico e nos que empresas relevantes de distintos sectores ofrecen un exemplo de compromiso con esta lingua. O Foro Enrique Peinador fai especial fincapé nos encontros con empresarios do sector agroalimentario, co fin de potenciar a utilización da lingua galega nun proceso fundamental como é a etiquetaxe dos produtos que elaboran as empresas do sector primario, o que contribúe a facer máis visible a lingua neste ámbito.

Ademais, no marco deste convenio tamén se inclúe a conmemoración do I Congreso de Economía Galega, que tivo lugar en Lugo no ano 1925, e a celebración dunhas xornadas sobre Isidro Parga Pondal.

O fomento do galego a través do apoio ás iniciativas de diversas entidades

Co fin de promover o uso do galego no sector socioeconómico, Política Lingüística tamén reforzou este ano o marco de cooperación que mantén coa Federación de Autónomos de Galicia. O pasado mes de xuño, o secretario xeral, Anxo Lorenzo, e o presidente da federación, Paulino Franco, asinaron un convenio que contempla a edición en galego de diverso material de interese para os traballadores e traballadoras, así como a promoción do uso do galego a través de feiras, boletíns informativos e campañas divulgativas, entre outras actuacións, que se están a realizar durante este ano.

Así mesmo, a través da Asociación de Profesionais Compostela Monumental, Política Lingüística promove o uso do galego na actividade comercial. Con esta entidade, a secretaría xeral asinou un convenio no mes de xullo que inclúe un importante labor de asesoramento lingüístico aos asociados da entidade compostelá e que incide na utilización do idioma galego na documentación interna e externa, no material de identificación comercial e nas campañas de promoción. O convenio tamén fai especial fincapé na oferta positiva de atender o cliente en galego.

Finalmente, en colaboración coa Confederación de Empresarios de Galicia, a secretaría xeral tamén busca fortalecer a presenza do galego no sector socioeconómico. O convenio con esta entidade ten como obxectivos fundamentais mellorar o coñecemento do uso do galego no tecido económico de Galicia e promover a normalización desta lingua nas empresas que realizan o seu labor na comunidade autónoma.

No marco de cooperación entre ambas as entidades tamén se contempla a realización de actividades de dinamización lingüística, así como a prestación de asesoramento lingüístico ás empresas.

Máis espazos de uso para o galego

A colaboración con estas entidades ten un grande interese para a Secretaría Xeral de Política Lingüística, á hora conseguir para a lingua galega máis funcións sociais e máis espazos de uso nun sector estratéxico como é o socioeconómico.

Menús News node R

Colectivo