A Consellería de Educación convocará as axudas para a compra de libros para os estudantes de 3º e 4º de Primaria e de Secundaria

As familias poderán solicitar as axudas no mes de setembro e recibirán un vale para presentar directamente nas librerías que prefiran

Mar, 24/08/2010 - 11:45

A Consellería de Educación e Ordenación Universitaria continúa a facilitar ás familias a ‘volta ao cole’, e convocara nos vindeiros días a orde de axudas para a adquisición de libros que cambian de idioma, e que só afecta a matemáticas, tecnoloxías e física e química, por mor do Decreto do plurilingüismo para o ensino non universitario.

Pola aplicación do decreto do plurilingüismo, “hai unha serie de textos que hai que cambiar –dixo o director de centros e recursos humanos, José Manuel Pinal- como son os das materias de matemáticas, tecnoloxía e física e química que se impartiran en castelán. As axudas van destinada aos estudantes de 3º e 4º de primaria, así como os catro cursos de secundaria, e poderán solicitarse a partir do 1 de setembro”.

O proceso para obter as bolsas

As familias poderán presentar as solicitudes para optar ás axudas no mes de setembro nos centros docentes sostidos con fondos públicos nos que estean matriculados os seus fillos e fillas, presentando unha solicitude diferente por cada un dos nenos.

Ao igual que acontece coa ‘Gratuidade Solidaria’ os centros tramitarán as solicitudes no momento da matrícula ou posteriormente. Os formularios tamén poderán obterse a través do apartado de gratuidade solidaria de libros de texto- plurilingüísmo no enderezo web http://www.edu.xunta.es.

O sistema informático recuperará de forma automática os datos asociados ao NIF do solicitante, e que constan na base de datos informática da Consellería de Educación. Co fin de axilizar o proceso, e unha vez estea introducida a solicitude, este ano o sistema permite a xeración dun vale por cada alumno ou alumna beneficiario.

O centro educativo entregará os vales ás familias, que poderán con el adquirir os libros e material escolar no correspondente establecemento, á súa libre escolla e polo importe máximo que figura no documento. Unha vez entregados os materiais, os establecementos presentarán as facturas na Xefatura Territorial da Consellería de Educación en cada provincia, para que lles sexa ingresados os importes correspondentes aos vales tramitados.

O obxectivo deste sistema é que as familias non teñan que desembolsar contía algunha polo importe das axudas, facendo máis fácil ademais os pagamentos, ao se reducir considerablemente o número de transferencias bancarias que ten que facer a Consellería. Por outra banda, a xeración automática dos datos da familia polo sistema informática simplifica considerablemente o labor dos centros educativos, elemento fundamental no proceso de tramitación das bolsas.

Máis axudas

Segundo o director de centros e recursos humanos “con esta convocatoria o que facemos é cumprir a legalidade vixente e a promesa de facilitar este cambio ás familias que máis o precisen e que nestes momentos difíciles teñen máis necesidades de recibir estas axudas”. As prestacións engádense á convocatoria de ‘Gratuidade Solidaria’ de axudas para a compra de libros de texto e material escolar, dirixidas ao alumnado de 1º, 2º, 5º e 6º de educación primaria, e educación especial.

Con estas axudas, a Consellería de Educación volve poñer de manifesto o seu firme e decidido apoio ás familias que están a pasar por maiores dificultades económicas, que poderán ter libros gratis e en propiedade. Ademais, as alumnas e alumnos poderán utilizar estes manuais como verdadeiras ferramentas de traballo e consulta coas que optimizar os seus rendementos académicos.

Declaracións do director de centros e recursos humanos, José Manuel Pinal (1)

Declaracións do director de centros e recursos humanos, José Manuel Pinal (2)