A Consellería de Cultura e Educación participa en Vilagarcía na apertura das xornadas ‘Xosé María Díaz Castro. Poeta chairego no Salnés’
Desenvolveranse entre hoxe e mañá no IES Fermín Bouza Brey, organizadas polo equipo de dinamización da lingua galega no marco do proxecto de innovación en dinamización lingüística ‘Literatosbrey’ co que resultou galardoado o centro no curso pasado
O acto de inauguración contou coa presenza do secretario xeral de Política Lingüística
A Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria, representada no seu secretario xeral de Política Lingüística, Valentín García, participou esta mañá no acto de apertura das I Xornadas Fermín Bouza Brey das Letras Galegas, centradas nesta edición na figura do autor homenaxeado en 2014 pola Real Academia Galega baixo o título “Xosé María Díaz Castro. Poeta Chairego”.
As xornadas desenvolveranse durante hoxe e mañá, coincidindo co 25º aniversario do pasamento de Díaz Castro, no IES Fermín Bouza Brey, organizadas polo equipo de dinamización da lingua galega. Encádranse na proposta “Literatosbrey”, co que o centro concorreu á convocatoria 2013-2014 de proxectos de innovación en dinamización lingüística e resultou gañador.
O secretario xeral destacou durante a súa intervención o labor dos equipos de dinamización da lingua galega, “que se sitúan –dixo- na vangarda dos centros educativos procurando novos xeitos de ensinar lingua, de aumentar a súa valoración e de estender o seu uso, incorporando o alumnado, usando as TIC, potenciando as destrezas lingüísticas orais e favorecendo a coordinación do profesorado”. Fixo tamén fincapé en que as xornadas “constitúen unha importante achega desde o ensino ao recoñecemento ao autor das Letras Galegas 2014, no marco da ampla programación de actividades arredor da figura do autor guitiricense despregada ao longo de todo o ano”.
‘Díaz Castro. Poeta chairego no Salnés’
As xornadas, que se centrarán na estadía de Xosé María Díaz Castro en Vilagarcía de Arousa, desenvolveranse durante dous días en sesións de mañá e nela participarán como relatores, amais do profesorado e do alumnado do proxecto “Literatosbrey”, Xesús Alonso Montero, Armando Requeixo, Luís Rei, Emilio Ínsua, Alfonso Blanco Torrado, Isabel Gonález Avión e Xosé Antón Cascudo. O programa inclúe ademais a proxección de pezas audiovisuais, recitados poéticos e interpretacións musicais.
Proxecto ‘Literatosbrey’
O Proxecto ‘Literatosbrey’, do IES Fermín Bouza Brey de Vilagarcía de Arousa, é unha iniciativa de investigación nacida por iniciativa do alumnado do centro, que se asenta arredor da investigación histórica, literaria e da contorna. No ano académico 2013-2014 partiron da figura de Xosé María Díaz Castro e da súa estadía na vila pontevedresa.
Foi un dos cinco proxectos que a Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria, por medio da Secretaría Xeral de Política Lingüística e da Dirección Xeral de Educación, Formación Profesional e Innovación Educativa, recoñeceu como mellores proxectos de centro en materia de innovación educativa canto á promoción da lingua galega.
Dinamización lingüística no ensino
Cómpre lembrar que a Consellería de Cultura e Educación desenvolve diferentes liñas de traballo orientadas a apoiar os equipos de dinamización da lingua galega e, en consecuencia, a promover a dinamización e presenza do galego nos colexios e institutos, dentro e fóra das aulas. Entre elas están as axudas para os equipos de dinamización, tanto de centros públicos coma de centros privados, o apoio ao Proxecto Didáctico Antonio Fraguas, a convocatoria do Concurso-exposición Letras Galegas 2014 ou os proxectos multimedia Dragal, en secundaria, e Nós tamén creamos!, en primaria.
Sobre todos eles pode atoparse información no web www.xunta.es/linguagalega.