Xesús Vázquez Abad salienta que preto de 85.500 escolares galegos están aprendendo idiomas en Galicia grazas ao Plan de potenciación de linguas estranxeiras da Xunta

O conselleiro de Cultura e Educación subliñou que catro de cada dez estudantes estanse a beneficiar desta estratexia integral para a aprendizaxe de idiomas na etapa de ensino obrigatorio

Vázquez Abad asegurou que o actual cadro de docentes é axeitado para cubrir as necesidades educativas, pero seguirá reivindicando que se incremente do 10 ao 50% a taxa de reposición de profesorado para garantir a súa estabilidade laboral

Mér, 24/09/2014 - 18:10
 Xesús Vázquez Abad salienta que preto de 85.500 escolares galegos están aprende
Xesús Vázquez Abad salienta que preto de 85.500 escolares galegos están aprendendo idiomas en Galicia grazas ao Plan de potenciación de linguas estranxeiras da Xunta

O conselleiro de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria, Xesús Vázquez Abad, salientou no Parlamento que preto de 85.500 alumnos e alumnas de toda Galicia (un 18,4% máis que o curso pasado) están hoxe aprendendo idiomas grazas ao Plan de Potenciación de Linguas Estranxeiras impulsado polo Goberno galego.

En resposta a unha pregunta parlamentaria, Vázquez Abad subliñou que catro de cada dez estudantes galegos do ensino obrigatorio se beneficiarán desta estratexia integral para a aprendizaxe de idiomas, na cal participan cerca do 80% dos centros sostidos con fondos públicos.

Unha ferramenta para o futuro

Na súa intervención, o conselleiro de Cultura e Educación recoñeceu que a formación en idiomas é, hoxe en día, “unha condición indispensable” para afrontar os retos profesionais e persoais nun mundo cada vez máis globalizado e internacionalizado. Por iso, xa desde o curso 2010-2011, a Consellería de Cultura e Educación deu os primeiros pasos para mellorar as competencias dos estudantes en linguas estranxeiras poñendo o marcha o Plan Galego de Potenciación das Linguas Estranxeiras.

Ao abeiro de dito Plan, creouse a primeira rede de centros plurilingües de Galicia, que no presente curso 2014-2015, está xa composta por un total de 220 centros plurilingües en Galicia, o que supón un incremento do 19 por cento con respecto ao curso pasado. A maiores, a Consellería reforzou as seccións bilingües, polo que actualmente hai un total de 3.223 seccións das que 367 son de nova incorporación este ano. Estas seccións bilingües contan co apoio dun total de 454 auxiliares de conversa, un número que se multiplicou por sete desde o curso 2008-2009 e que fai que Galicia sexa a 2ª comunidade autónoma en número de auxiliares.

O Plan, segundo explicou o conselleiro, complétase coas estadías lingüísticas de verán e outono, así como co Programa experimental de acompañamento  que ten por obxecto mellorar as competencias en linguas estranxeiras do alumnado de centros de ensino de localidades rurais que non forman parte da rede de plurilingües ou non dispoñen de seccións bilingües.

Vázquez Abad concluíu que estas iniciativas corroboran a decidida aposta do departamento que dirixe e do Goberno da Xunta por mellorar as competencias lingüísticas dos alumnos e alumnas do ensino público galego.

Cadro de persoal docente

En resposta a outra pregunta parlamentaria, o conselleiro de Cultura e Educación salientou que “unha vez máis” neste curso 2014-2015 están cubertas as necesidades do sistema educativo e a Consellería vai contar cun cadro de persoal docente que respecta o Catálogo de Postos fixado en 2007 polo anterior goberno Bipartito. Non obstante asegurou que o actual Goberno da Xunta seguirá reivindicando ante o Goberno do Estado que se amplíe a porcentaxe da taxa de reposición do 10 ao 50 por cento co fin de xerar estabilidade laboral entre o profesorado.

Xesús Vázquez Abad aproveitou a súa intervención para agradecer a “entrega e o esforzo” dos docentes no seu traballo diario, así como a súa profesionalidade e o seu compromiso na mellora do sistema educativo en xeral.

O responsable de Educación do Goberno galego auspiciou que se poderá avanzar na recuperación das condicións salariais e profesionais dos docentes cando se de por superado o actual contexto de crise económica. Mentres tanto, insistiu en que seguirá  traballando pola calidade do sistema educativo e contando coa axuda dos docentes e do conxunto da comunidade educativa.