A Consellería de Cultura e Educación está a reducir ao mínimo as molestias polas obras de mellora do CEIP Antonio Magariños, que supoñen un investimento de máis de 250.000 euros

Cómpre sinalar que o centro dispón dun patio alternativo no que poden realizar as actividades de educación física

As obras que se están a realizar buscan precisamente mellorar as instalacións para que o alumnado poida desenvolver estas clases no exterior, algo que levaban tempo sen facer malia que o patio cuberto reunía as condicións de seguridade

Mar, 23/09/2014 - 13:47
CEP Antonio Magariños Pastoriza
CEP Antonio Magariños Pastoriza

A Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria está a reducir ao mínimo as molestias ocasionadas polas obras de mellora do CEIP Antonio Magariños (Cambados) uns traballos que suman un investimento de máis de 250.000 euros – 200.000 na primeira fase, xa rematada, e algo máis de 50.000 na segunda, que se está a realizar- que dá resposta ás demandas da comunidade educativa. Neste sentido cómpre sinalar que con esta actuación se busca, precisamente, mellorar as instalacións para que o alumnado poida desenvolver as clases de educación física no exterior, algo que levaban tempo sen facer polas reticencias dalgún profesor, malia que o patio cuberto reunía as condicións de seguridade. En calquera caso, cómpre sinalar que o centro dispón dun patio alternativo de máis de 200 metros cadrados – cunha parte cuberta- no que poden desenvolver esta materia.

Neste momento estase a desenvolver a segunda fase das obras de melloras comprometidas neste centro, despois dunha fase inicial na que se realizou a ampliación da biblioteca para mellorar a súa funcionalidade, ao tempo que foi habilitado un espazo para un comedor escolar, unha das principais demandas da súa comunidade educativa. Así mesmo, tamén nesta primeira fase, foron reestruturados os espazos de 4 aulas de primaria para conseguir espazos máis axeitados ao seu uso, de forma que o centro conta agora con 12 aulas para dar resposta ás necesidades educativas do centro.

CEIP A Lomba

No que atinxe ao CEIP A Lomba, a Consellería é consciente da necesidade de melloras no centro, tras o incumprimento por parte da empresa construtora responsable de realizalas, segundo o informe da Unidade Técnica. Neste momento o departamento educativo da Xunta de Galicia está a traballar para poder asumir proximamente os traballos de mellora no centro.