A Secretaría Xeral de Universidades recorda que aínda se poden solicitar as axudas por causas sobrevidas ou imprevistas para universitarios
A convocatoria vai destinada aos alumnos e alumnas que estean a vivir situacións que repercutan de forma grave na situación familiar
O secretario xeral de Universidades, José Alberto Díez de Castro, da Consellería de Educación e Ordenación Universitaria recorda que continúa aberto o prazo para solicitar as axudas destinadas a universitarios que por algún tipo de causa sobrevidas teñan dificultades económicas para continuar cos seus estudos.
Díez de Castro sinalou que “estas axudas demostran que a pesares da situación de crise que se está a vivir a Consellería fai un gran esforzo por dar axudas para o estudo a todos aqueles que estean a vivir situacións difíciles”. Así, no 2010 Educación incrementou ata 70.000 euros as axudas, o que significa un 16% máis que no 2009. Estes cartos están postos a disposición de todos aqueles que se vexan afectados no presente ano por situacións que repercutan de forma grave na situación familiar.
“Temos en conta todas aquelas situacións nas que os estudantes poidan necesitar unha maior axuda de tipo económico e que lles permita continuar coa formación universitaria de cara a ter un maior abanico de posibilidades de traballo no futuro”, asegurou o secretario xeral de universidades.
Situacións nas que exista a necesidade urxente de recursos económicos para paliar a situación de emerxencia derivada dunha causa sobrevida ou imprevista (orfandade absoluta, falecemento pai/nai/titor legal,desemprego sustentador principal, enfermidade grave, violencia de xénero cara a el/ela ou o seu proxenitor/a, vítimas de actos terroristas, separación, divorcio, ruína ou quebra familiar. Ademais de outras circunstancias non previstas que, sendo xustificadas, repercutan na situación socioeconómica familiar, como son a violencia de xénero, ou ser vítimas de actos terroristas entre outros casos.
Con esta convocatoria de bolsas de axudas para alumnos e alumnas universitarios en situacións moi complexas, debidas a causas sobrevidas e imprevistas, a Consellería continúa a demostrar o seu interese pola formación dos estudante sen que esta se vexa interrumpida en ningún momento. Ao mesmo tempo, continúase a contribuír á formación avanzada de carácter especializado ou multidisciplinar.
Condicións das axudas
Para poder acceder a estas axudas, os estudantes deben estar matriculados nun mínimo de 50 créditos en estudos universitarios presenciais conducentes ao título de grao, licenciado, enxeñeiro, arquitecto, diplomado, mestre, enxeñeiro técnico e arquitecto técnico en calquera das universidade do SUG (Sistema Universitario de Galicia).
Os bolseiros poderán percibir axudas de entre 1.250 euros e 2.500, mentres continúen a realizar os estudos nos que está matriculado. Todos aqueles interesados poden atopar a información precisa para optar a esta axuda accedendo ao enlace web: http://www.xunta.es/Dog/Dog2010.nsf /FichaContenido/1180A?OpenDocument
Con esta convocatoria para o presente ano, que pode ser solicitada en calquera momento ata o 30 de outubro de 2010, a Consellería volve a mostrar o seu interese por dar o mellor servizo educativo en Galicia. Estas bolsas, son un modos de axudar por todos os medios dos que dispón Educación a que os universitarios completar os estudos conducentes a un mellor futuro.
O secretario xeral explica as axudas (1)
O secretario xeral explica as axudas (2)
O secretario xeral explica as axudas (3)