A Secretaría Xeral da Consellería de Educación inviste no presente ano máis de 16.500.000 de euros nas obras de mellora dos centros escolares da provincia de Pontevedra

Ao longo do presente ano realizaranse obras de reforma e acondicionamento en 54 escolas e institutos pontevedreses

Ven, 13/08/2010 - 11:06

Desde a Secretaría Xeral da Consellería de Educación e Ordenación Universitaria investirá ao longo de 2010 máis de 16,5 millóns de euros nas obras de mellora dos recintos educativos da provincia de Pontevedra.

Ao longo do presente verán a Consellería de Educación e Ordenación Universitaria está a levar a cabo actuacións de mellora nas infraestruturas. Deste xeito non se interrompe o funcionamento do centro e ademais garántese a seguridade dos estudantes, que non compartirán espazo con elementos de construción, ferramentas e o material preciso para desenvolver o traballo.

Melloras no verán

Así, nestes momentos estanse a realizar labores de reposición tanto no CEIP Xesús Golmar, de Lalín, cun importe de 5.348.936 euros nesta anualidade; e o CEIP Antonio por valor de 3.222.182 euros. No último centro estase a construír un novo edificio, composto de tres alas, integrando todas as áreas esixidas no programa de necesidades educativas.

Do mesmo modo tamén se están a facer as reformas do CEIP A Pedra, en Bueu, cun orzamento de 1.134.103 destinado ao recén construído ximnasio e a reforma e acondicionamento de muros e peche da parcela do colexio; e traballos de urbanización, saneamento e iluminación do novo patio.

O pasado mes de xullo o conselleiro de Educación, Xesús Vázquez Abad, no seu percorrido polas obras en centros das catro provincias, comprobou in- situ a evolución dos traballos tanto de Lalín como de Bueu.

Ademais tamén se están a levar a cabo as obras de rehabilitación do CEE Saladino Cortizo, en Vigo, cun importe de case dous millóns de euros, así como a ampliación do CEIP A Rúa, en Cangas por preto de 300.000 euros.

En total neste momento a Consellería está a investir máis de 11.715.649 euros no acondicionamento dos centros educativos para o vindeiro curso escolar.

Obras rematadas

Ademais xa se remataron as obras por valor de 745.025 euros na provincia de Pontevedra. Un investimento que foi destinado ás melloras do CEIP Antonio Carpintero, de Arbo e no CEP Sabarís, en Baiona. Do mesmo xeito aconteceu nos IES Francisco Asorey, CEIP San Tomé, Ramón Cabanillas, a EEI da Pastora, e o CEIP de Carballedo, todos eles situados no concello de Cambados.

Por outra banda se finalizaron as reformas no IES de Rodeira, o IES María Soliño, en Cangas; o CEIP E. Barreiro en Cotobade; o CPI Aurelio Marcelino Rey García, en Cuntis; o CEIP Nosa Señora das Dolores en Forcarei; o IES Monte da Vila, en O Grove; o IES da Illa de Arousa; o CEIP de Lalín; o CEIP de Ardán, en Marín. Tamén se melloraron os CEIP de A Guía e o CEIP Tirán, en Moaña; así como o IES Pazo da Mercé, en As Neves. Fixéronse tamén melloras nas instalacións dos recintos escolares da cidade de Pontevedra: o CEIP de Vilaverde Mourente, IES Fray Martín Sarmiento, e a Escola Oficial de Idiomas.

No concello de O Porriño as obras foron desenvolvidas nos IES Pino Manso e o CEIP Cruz de Budiño;  e en Sanxenso os traballos realizáronse no IES de Vilalonga.

Na cidade de Vigo as obras foron no IES Alexandre Bóveda, o IES, de Teis, a EEI Vila Laura, o CRD Manuel Antonio, o IES Manuel Antonio, a Escolas Oficial de Idiomas e Escola de Arte Dramática. E en Vilagarcía de Arousa o orzamento foi destinado ao CEIP de A Lomba, o IES Armando Cotarelo Valledor, o IES Castro Alobre, a Escola de Educación Especial e a Escola Oficial de Idiomas.

Próximas melloras

Por outra banda, están orzamentados 4.079.692 euros para as futuras obras no CEIP Santo Tomé de Cambados, IES de Meaño, CPI Santa Lucía de Moraña, CEIP Fermín Bouza Brey (Ponteareas); CEIP Froebel, de Pontevedra, IES de Sanxenxo, e nos CEIP O Pombal, Pintor Laxeiro, o Virxe do Rocio e o Conservatorio de Música en Vigo.

Con todas estas actuacións o actual goberno galego cumpre co seu compromiso coa comunidade educativa, dotando aos centros de ensinanza das mellores instalacións. Estas actuacións se enmarcan dentro dos orzamentos que a Consellería de Educación destina para a mellora das instalacións educativas e que no presente ano supera os trinta e tres millóns de euros.

Menús News node R