A Xunta leva meses ofrecéndolle a xestión do comedor ao Concello de Manzaneda

A Consellería congratúlase da incorporación dos alumnos ao curso escolar e garante que o cáterin será de calidade

Xov, 18/09/2014 - 13:30

A xefatura territorial da Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria en Ourense congratúlase de que os 22 alumnos do colexio de Manzaneda acudiran finalmente ás aulas no día de hoxe. Ao tempo de que valora a decisión das familias de mandar aos seus fillos ás clases, a Consellería asegura que o servizo de comedor que se fará a través de unha empresa de cáterin conta con todas as garantías de calidade esixibles. Compre lembrar así mesmo que o 85,7% dos nenos usuarios do comedor tiveron acceso totalmente gratuíto ao mesmo durante o curso pasado.

A xefatura territorial quere lembrar que xa a finais do pasado curso ofrecéuselle ao rexedor municipal a posibilidade de municipalizar a xestión do comedor, oferta que se lle volveu formular polo propio titular da consellería, en conversas celebradas os días 13 de maio e 7 de xullo. A oferta consistiu en transmitirlle que a Consellería asumiría 2,5 € por alumno e día, correría cos gastos correntes e poñería ao dispor do centro unha cociña, exactamente como se fai con outros centros educativos en idénticas circunstancias. Aínda que nun principio o alcalde anunciou que o estudaría, finalmente decidiu non aceptar a proposta, circunstancia que cambiou onte ao comunicarlle á xefa territorial a súa disposición a estudar o inicio dos trámites para facerse cargo do comedor coa mencionada contribución da Xunta.