FalaRedes, de Cultura e Educación, segue dinamizando o galego nos concellos da man de tres exitosas propostas de lecer

O concurso infantil 'Os Bolechas e o Sabichón' chega esta semana a Dodro, Castro Caldelas e O Barco de Valdeorras; mentres que a obra de teatro 'As fabas máxicas' visita Outes e Santiago de Compostela e o concerto de fados 'Os sons do vento que pasa', Vilaboa

Só no caso da función da capital galega, este domingo no Auditorio de Galicia, hai que recoller previamente as entradas no Teatro Principal

Xov, 18/09/2014 - 12:45
FalaRedes, de Cultura e Educación, segue dinamizando o galego nos concellos da m
FalaRedes, de Cultura e Educación, segue dinamizando o galego nos concellos da man de tres exitosas propostas de lecer

O programa de fomento do galego FalaRedes, promovido pola Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria por medio da Secretaría Xeral de Política Lingüística, levará esta semana tres exitosas propostas de lecer no noso idioma a seis concellos da Rede de Dinamización Lingüística (RDL) da Xunta de Galicia.

Así, a xente miúda da localidade coruñesa de Dodro poderá participar mañá, ás 18:00 h na Paxareira, no divertido concurso Os Bolechas e o Sabichón, que o sábado aterrará na vila ourensá de Castro Caldelas, ás 18:00 h no Castelo, e o domingo no Barco de Valdeorras, tamén na provincia de Ourense, ás 19:00 h no Teatro Municipal Lauro Olmo.

Quen tamén se reencontrará esta fin de semana coa cativada será a obra de teatro infantil As fabas máxicas, que o sábado inicia a segunda quenda da súa xira tras ampliarse o calendario con seis pases máis grazas á colaboración económica da Deputación da Coruña, en virtude da súa participación na RDL.

O primeiro terá lugar este sábado no municipio coruñés de Outes, ás 19:00 h no Auditorio Municipal, tras o que o domingo visitará Santiago de Compostela, ás 12:30 h na Sala Mozart do Auditorio de Galicia. As persoas interesadas en asistir á función da capital galega poden retirar as entradas ata o sábado no despacho de billetes do Teatro Principal no seu horario habitual - entre as 18:00 e as 21:00 horas-.

Xa destinado a todas as idades, o concerto de fados Os sons do vento que pasa deleitará o sábado a veciñanza do concello pontevedrés de Vilaboa, onde Gonçalo Guerreiro e Dani Pais actuarán ás 19:00 h na Casa da Cultura de Riomaior.

As tres actividades, que coincidirán de xira durante todo o mes de setembro, cumpren co obxectivo do FalaRedes 2014 de fomentar o galego de xeito lúdico entre o público en xeral, enchendo o seu tempo de lecer con propostas de calidade no noso idioma.

FalaRedes 2014

Ata finais de ano, FalaRedes chegará durante as fins de semana e os festivos á totalidade de concellos da RDL a través de cinco actividades con 150 sesións gratuítas, xa que a entrada sempre é de balde ata completar a capacidade das salas.

Completan a programación desta terceira edición do programa o concerto Toc Toc e a xincana Augalingua, que xa concluíron con grande éxito as súas respectivas xiras.

A RDL é unha iniciativa impulsada polo Goberno galego para unha mellor planificación e coordinación do fomento da nosa lingua no eido da Administración local, e que na actualidade conta con preto de 160 entidades adscritas.

Máis información sobre FalaRedes 2014 no web institucional da Secretaría Xeral de Política Lingüística www.xunta.es/linguagalega/falaredes_2014 e nas redes sociais.

Menús News node R